
O director científico do CiTIUS, Senén Barro Ameneiro, recollerá o galardón na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia a celebrar o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago como punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia.
O CiTIUS proxecta a intelixencia artificial de Galicia ao conxunto do Estado e a Europa con eventos de primeira liña mundial, como o ECAI 2024 27 Congreso Europeo de Intelixencia Artificial, ou liderando outros proxectos internacionais de alto impacto para mellorar a sociedade a través das tecnoloxías intelixentes.
O CiTIUS é o centro de investigación de referencia no ámbito da IA en Galicia, e un dos poucos especializados neste ámbito a nivel estatal. Pertence á Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela e forma parte da Rede CIGUS, que integra aos Centros de Investigación de excelencia acreditados na actualidade pola Xunta de Galicia. En pouco máis de 10 anos de vida, o CiTIUS tense convertido en referente de investigación no campo da intelixencia artificial.
Frutífera traxectoria
O centro participa en nove proxectos europeos, liderando algúns tan importantes como HYBRIDS, unha iniciativa paneuropea para a detección de desinformación, discursos de odio e noticias falsas en Internet; NL4XAI, un proxecto que proporciona as máquinas tecnoloxías de linguaxe natural para que poidan explicar o fundamento das súas decisións; e MENELAOS_NT, un consorcio internacional que busca aplicar tecnoloxías intelixentes para integrar de xeito óptimo datos de sensores de diferentes tipos, tanto a nivel macro como microscópico, co obxectivo de explorar o medio ambiente de maneira multimodal.
Ademais, o CiTIUS é o único centro de investigación en España que lidera dúas cátedras universidade-empresa concedidas polo Estado no presente ano: CAMELIA, un proxecto en colaboración coa empresa Plexus Tech, centrado no ámbito da intelixencia artificial aplicada á medicina personalizada de precisión; e a Cátedra Chip Televés-USC, enfocada no campo do deseño microelectrónico. Tamén lidera conxuntamente co Instituto da Lingua Galega (ILG) o Proxecto Nós, que ten como obxectivo desenvolver os recursos tecnolóxicos que sitúen ao galego na sociedade e na economía da intelixencia artificial, como acontece xa con desenvolvementos como o primeiro tradutor neuronal libre ao galego a partir do castelán, inglés, catalán e éuscaro. Ademais, Nós forma parte do Proxecto ILENIA, financiado polo PERTE Nova economía da lingua, para impulsar de xeito cooperativo as tecnoloxías lingüísticas nas linguas do Estado, e da estratexia española para o desenvolvemento de modelos fundacionais, que hoxe son a vangarda da IA.
Desde a súa fundación en 2012, o CiTIUS alumeou a creación de catro compañías de base tecnolóxica, xurdidas como spin-offs da investigación do centro: Cilenis, Imagames, InVerbis, e Situm Technologies, líder mundial en tecnoloxías de posicionamento global en interiores.
O centro está formado por un equipo de máis de 150 persoas (31 delas investigadoras senior) e contou cun orzamento de máis de 11 millóns de euros nos últimos 3 anos, destacando os proxectos europeos (21%) e contratos de transferencia (20%). A súa actividade investigadora organízase en torno a catro ámbitos científicos: Dispositivos e computación verde e intelixente, fundamentos da Intelixencia Artificial, tecnoloxías intelixentes e marco ético, legal, social, económico e cultural (ELSEC).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.