
O coñecemento do funcionamento das citoquinas pode ser, por tanto, fundamental para o posible desenvolvemento de novos tratamentos que melloren a calidade de vida das persoas que sofren este tipo de doenzas.
Partindo desta base nace o proxecto de investigación Magnet-Il-18, coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina da Universidade de Vigo. A investigación arrancou a principios deste ano e, contando cun orzamento de 75.000 euros, prolongarase ao longo dun total de 18 meses, dentro do Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud en Galicia.
Xunto a Verónica Salgueiriño participan no proxecto as investigadoras do CINBIO Laura Maria Salonen, Julia N. Majcherkiewicz, Melodie Maceira Campos e Claudia Román Freijeiro, e a elas súmase tamén persoal investigador do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e do Instituto de Biomedicina de Sevilla (IBIS).
Nanoestruturas magnéticas con aplicacións biomédicas
As nano e microestruturas magnéticas empréganse en biomedicina, en terapia celular e hipertermia magnética para a liberación de fármacos e en técnicas de imaxe. Seguindo esta liña, o proxecto Magnet-Il-18 ten por obxectivo a funcionalización de nanoestruturas magnéticas coa citoquina IL-18 e a súa internalización mediante procesos de endocitose ou mediante internalización forzada magneticamente, co fin de estudar a resposta inflamatoria das células.
A nosa aspiración, comenta Salgueiriño, é correlacionar os resultados obtidos con datos de pacientes con trastornos do sistema inmune, como o VIH, con fin de explorar e presentar novas estratexias terapéuticas efectivas para este tipo de doenzas. Para isto, as científicas do CINBIO implicadas neste proxecto traballarán na síntese, caracterización e funcionalización das nanoestruturas e nos ensaios celulares.
O proxecto supón para elas unha oportunidade para traballar nunha contorna de aplicacións biomédicas, enfocándoas á correlación directa de resultados de nanoestruturas e ensaios celulares con datos de pacientes, subliña Salgueiriño.
Fondos para terapias avanzadas en medicina personalizada
Magnet-Il-18 forma parte do Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud, cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación con fondos da Unión Europea NextGenerationEU; o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e varias comunidades autónomas, entre as que se atopa Galicia. O seu obxectivo principal é o desenvolvemento de ferramentas para o diagnóstico, prognóstico e terapias avanzadas, ou dirixidas, en medicina personalizada.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.