Notas de prensa

Preto de 150 especialistas danse cita en PROPOR, o congreso internacional en procesamento da lingua portuguesa

A decimosexta edición do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR-2024) desenvólvese ata o 15 de marzo en Compostela. O persoal investigador responsable da súa organización coincide en salientar a importancia deste feito, xa que coa súa chegada á cidade 'prodúcese unha volta á orixe', xa que a Galicia é 'o lugar de nacemento da lingua portuguesa', explican.

O galego ten, así, un destacado protagonismo no evento, xa que tamén se atopa presente con numerosos traballos centrados no procesamento automático da lingua propia. PROPOR-2024 achega a Santiago de Compostela unha mostra da comunidade investigadora no eido do procesamento da lingua portuguesa en todo o mundo. Con preto de 150 persoas inscritas (a maioría delas procedentes de Brasil e Portugal), o evento ten lugar na Cidade da Cultura.

Na sesión inaugural, o vicerreitor de Profesorado da USC Ernesto González Seoane trazou un percorrido histórico pola xeración Nós, inspiradora do nome do Proxecto Nós co que se pretende dar pulo á presenza dixital do galego. Na súa intervención, o vicerreitor detívose nesta xeración de intelectuais que abriu o galego ao mundo e a campos antes prohibidos nun diálogo permanente e prioritario con Portugal. De seguido, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, falou da necesidade de continuar a afondar na relación co resto da lusofonía, mentres que a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, salientou a promoción do galego levada a cabo por moitas persoas, grupos e empresas e que axuda a comprender o éxito deste foro, situando Galicia no mapa da IA galega-lusa-brasileira e máis alá. A seguir, o decano de Filoloxía e director da Rede Galabra, Elias J. Feijó, fixo un percorrido histórico da lingua galega dende a Idade Media até os nosos días e por todas as manifestacións culturais, sociais e políticas máis relevantes. Comentou, asemade, a importancia deste reencontro coa familia lingüística natural, a galega-portuguesa-brasileira.

A organización do encontro corre a cargo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), que coordina todos os detalles do seu desenvolvemento a través do equipo de investigación do Proxecto Nós. O investigador vinculado Pablo Gamallo, presidente do comité organizador, salienta a importancia que ten acoller un congreso destas dimensións na cidade. “É fundamental para o futuro do galego asegurar a súa presenza nos dispositivos de intelixencia artificial e modelos de linguaxe que a xente usa xa habitualmente. O contacto con grupos punteiros portugueses e brasileiros promoverá novas colaboracións que nos permitirán acceder a máis recursos lingüísticos para o galego de alta calidade”, afirmou. Na organización de PROPOR-24 participa tamén o investigador Ramón y Cajal do centro Marcos García, presidente do comité de programa do congreso.

O evento principal conta con 70 comunicacións científicas, que inclúen presentacións orais e pósters, ademais de varios eventos asociados: catro workshops (un deles centrado nunha competición entre sistemas); dous titoriais; unha sesión de demostradores; unha xuntanza industrial; e dúas mesas redondas. PROPOR-2024 conta co apoio da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela, AMTEGA, CESGA, Imaxin|Software, puntogal e o centro brasileiro C4AI.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-03-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES