Notas de prensa

Persoal investigador do CiMUS descobre unha potencial diana terapéutica para combater a fibrose hepática

A fibrose hepática é unha enfermidade crónica que se manifesta en fases avanzadas de fígado graxo, atópase na antesala da cirrose e non ten tratamento, ocupando por iso o primeiro posto entre as causas de transplante hepático. Agora, persoal do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC dan un novo salto cualitativo neste campo.

O achádego é unha posible diana terapéutica inhibindo a proteína p63, esencial para que determinadas células do fígado activen o seu metabolismo durante a fibrose. Ao inactivar esta proteína en diversos modelos preclínicos, o persoal investigador logrou ademais reducir a inflamación no fígado. “Estamos moi satisfeitos por atopar unha diana que podería ser o obxectivo de futuros estudos orientados ao desenvolvemento de novos fármacos para abordar a fibrose hepática”, sosteñen Marcos Fernández Fondevila e Eva Nóvoa Deaño, autores principais do artigo. O traballo acaba de publicarse na revista Cell Reports Medicine.

Fibrose hepática, cicatrices perigosas

A fibrose hepática é unha enfermidade cada vez máis común, principalmente debido ao crecente número de persoas con obesidade e diabetes tipo 2, dúas das patoloxías máis asociadas á chamada enfermidade de fígado graxo, que pode desembocar nunha fibrose. Unha vez aparece, os cambios no estilo de vida non son suficientes para frear ou revertela; e non existe, polo momento, ningún fármaco aprobado para o seu tratamento. Tal é a situación que actualmente a fibrose hepática metabólica converteuse na causa máis común de transplantes de fígado e multiplica o risco de mortalidade dos pacientes.

Enmarcada nunha liña posta en marcha no CiMUS hai varios anos, a investigación que acaba de ver a luz demostra que os pacientes con fígado graxo fibrótico teñen niveis elevados da proteína p63, particularmente nas células estelares do fígado. Estas células teñen como función principal en condicións normais almacenar vitamina A. Ademais, desempeñan un papel importante na reparación do tecido hepático. En particular, en resposta a dano ou inflamación no fígado, as células estelares activan o seu metabolismo, consumindo unha gran cantidade de nutrientes e producindo enerxía que utilizan para producir as fibras de coláxeno que se coñecen como cicatrices. Cando este proceso se descontrola, como sucede nalgúns pacientes con fígado graxo, prodúcense grandes tabiques de cicatrices que impiden ao fígado funcionar adecuadamente. Este fenómeno denomínase fibrose hepática.

“No noso grupo do CiMUS da USC detectamos que p63 é esencial para que as células estelares activen o seu metabolismo durante a fibrose. Ao inhibir p63 nestas células, podemos limitar que obteñan enerxía e en consecuencia reduzan a produción de fibrose”, indican Fernández Fondevila e Nóvoa Deaño. Engaden tamén que “ao inhibir p63, as células son incapaces de activar HER2, que é amplamente coñecido polo seu papel no desenvolvemento dalgúns tipos de cancro”. Ademais “non só logramos diminuír a fibrose hepática, senón tamén reducir a inflamación no fígado ao inactivar p63, utilizando diversos modelos preclínicos. Este logro permitiunos identificar unha diana terapéutica específica que podería abrir a porta a futuras investigacións orientadas ao descubrimento de fármacos específicos”.

Este traballo é froito dunha colaboración interdisciplinaria liderada desde o grupo do CiMUS da USC por Rubén Nogueiras Pozo, investigador Oportunius e profesor da USC, e na que participaron outros equipos de investigación do CiMUS (Carlos Diéguez, Román Pérez, Ashwin Woodhoo e Marta Varela), o Hospital Universitario Marqués de Valdecilla (Javier Crespo e Paula Iruzubieta), e grupos do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares e a Universidade Complutense de Madrid, CIC bioGUNE de Bilbao, o Hospital Universitario de Salamanca e a Universidade de Columbia en Nova York.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-02-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES