
A finalidade desta campaña é crear un rexistro o máis variado posible e para iso é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais. Para conseguilo, este martes recolléronse mostras vocais de xeito presencial na proba piloto habilitada na aula CEMIT de Porto do Son. Ademais, pode facerse tamén de xeito telemático a través do novo espazo web doagalego.nos.gal creado para esta iniciativa, na que está integrada a ferramenta Common Voice, a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas. A meta da campaña é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para garantir que o software recoñecedor de voz funcione sen problemas.
Na vangarda das tecnoloxías intelixentes
O conselleiro Román Rodríguez agradeceu a implicación da Universidade de Santiago de Compostela nesta campaña, así como a colaboración de todas as universidades públicas no desenvolvemento do Proxecto Nós, o apoio tecnolóxico da Amtega, cuxo director, Julián Cerviño, estivo tamén no acto deste martes, e o compromiso de María Baqueiro, xestora do Proxecto Nós, e os profesionais da Consellaría, nun proxecto clave para Galicia e a lingua galega.
O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das tecnoloxías intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas tecnoloxías lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.
Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiras persoas, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.