
Con motivo da feira, o Aquarium Finisterrae celebrará unha xornada de portas abertas, polo que a entrada será gratuíta, aínda que será necesario realizar unha reserva previa de entradas, dispoñible a partir das 9.00 horas de mañá mércores, 4 de febreiro, a través desta ligazón.
O centro permanecerá aberto en horario de 11.00 a 19.00 horas, sendo o último acceso ás 18.00 horas, mentres que os talleres divulgativos se desenvolverán en dúas franxas horarias: de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas.
A feira despregarase nas distintas salas do Aquarium e estará atendida por profesorado e alumnado da Universidade da Coruña, ofrecendo ao público a oportunidade de descubrir e aprender ciencia de maneira participativa a través dunha ampla variedade de propostas adaptadas a todas as idades.
Ademais, co obxectivo de facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva previa, acompañadas doutra persoa se o precisan.
Talleres programados
Durante a xornada realizaranse os seguintes talleres divulgativos:
- Isabel Zendal e os 21 expósitos, unha viaxe arredor do mundo cunha enfermeira e 21 nenos expósitos grazas aos cales a Terra foi declarada zona cero de vexigas pola Organización Mundial da Saúde.
- Moluscopedia, estudo dos moluscos mediante actividades prácticas baseadas na observación directa e na manipulación de exemplares.
- Ponte as pilas, exploración do pequeno mundo escondido dentro dunha batería e de como viaxa a enerxía para dar vida aos dispositivos cotiáns.
- Linfocitos e sistema inmune, explicación do funcionamento do sistema inmune e do papel dos linfocitos.
- As vacinas salvan vidas, xogos e paneis interactivos para comprender que son e como funcionan as vacinas.
- A horta do capitán Nemo, achegamento aos tipos de algas das costas galegas, as súas características biolóxicas e aplicacións en biotecnoloxía.
- O código secreto da vida, experimentos de extracción de ADN e xogos para explicar a función desta molécula e a diversidade da vida.
- Diversidade en focas, actividades para explicar a diversidade xenética xerada por diferentes forzas evolutivas.
- Os superpoderes do polbo, xogos para descubrir as sorprendentes habilidades deste grupo de animais desde a xenética e a evolución.
- Xenética baixo o mar, xogos para comprender conceptos xenéticos básicos como xenotipo, fenotipo, cromosomas e variabilidade xenética.
Con esta, son xa oito edicións da Feira, consolidándose como cita de referencia para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito accesible e participativo.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.