
Queríamos delimitar a necrópole en extensión e atopámonos cunha posible ocupación de época altomedieval, apunta Celtia Rodríguez, doutora en arqueoloxía medieval e directora dos traballos de escavación. Non obstante, para poder entender mellor o contexto habería que proceder a unha ampliación en área que permita precisar de que tipoloxía de xacemento estamos a falar, puntualiza Rodríguez.
Á fronte da investigación, o profesor do grupo SÍNCRISIS da Facultade de Xeografía e Historia e investigador do CISPAC, José Carlos Sánchez Pardo, pon en valor estes descubrimentos: A pesar de que esteamos a falar de análises preliminares en campo, os resultados destes achados permitirían analizar as sociedades que viviron en Mondoñedo entre uns 1.000 e 1.500 anos atrás, destaca. Para corroborar a cronoloxía do material atopado ata o momento nas catas, o equipo contou co asesoramento científico do arqueólogo municipal de Mondoñedo, Abel Vigo, e o do doutor en cerámica medieval Galega e xestor da Tempos Arqueólogos, Francisco Alonso, que coinciden en datar os fragmentos na época altomedieval ou mesmo tardo-romana. Non obstante, hai que ser prudentes e esperamos que o traballo en laboratorio e gabinete arroxe moita máis información contrarrestada e analizada con todos os datos arqueolóxicos en conxunto, insiste Sánchez Pardo.
Mentres estes chegan, e co gallo de avanzar á cidadanía os achados do proxecto, o equipo investigador da USC, en colaboración con Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo, ofrecerá do xoves 10 de agosto unha visita guiada á escavación arqueolóxica para coñecer en detalle as novidades da investigación e o profundar no pasado medieval do xacemento. A expedición, aberta a todas as persoas interesadas sen necesidade de reserva, partirá ás 12 horas da igrexa de San Vicente, en Mondoñedo, e terá unha duración aproximada de 90 minutos.
Unha investigación para afondar no coñecemento da Galicia altomedieval
Liderada polo grupo SÍNCRISIS da USC, a escavación da necrópole de Combarro conta cun equipo interdisciplinario formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval, no que colaboran a empresa Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo. O equipo iniciou os traballos de escavación o 1 de agosto nos terreos do descubridor da necrópole e veciño do lugar, Miguel Chao, e continuará alí ata o día 14 deste mes. Alén de delimitar o xacemento, o obxectivo dos traballos é documentar as tipoloxías das tumbas e realizar análises dos restos óseos que subministrarán información sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí enterradas.
Esta intervención vincúlase ao proxecto Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.