
Este programa ten como obxectivo apoiar iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas. Este é unha das cinco propostas para as que a USC recibiu financiamento ao abeiro desta convocatoria.
ATLANTIC_SUNSET é o primeiro proxecto europeo que se desenvolve no marco desta temática e constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible deste recurso fóra dos grandes destinos de postas de sol europeas. De feito, o proxecto, asentado na experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia no ámbito da física e da xeografía, busca aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial, explican.
O proxecto constitúe unha nova oportunidade de desenvolvemento territorial conxunto vinculado á posta de sol e servirá para poñer en valor a costa atlántica do oeste europeo como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, considerando a complementariedade temporal e espacial, a inclusión e a innovación social, afirman os responsables do proxecto.
Orixe
A base do proxecto foi un estudo científico que o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Grazas ao seu traballo, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais. Así, no marco de ATLANTIC_SUNSET vincularase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués, alén de afinar lugares noutras xeografías onde acontece tan particular evento, engaden. Isto só sucede en certas localizacións extremas do continente e das illas e cunha estacionalidade moi determinada, converténdoo nun espectáculo que cada ano atrae a máis e máis turistas chamados pola crecente demanda de astroturismo, co compoñente intrínseco de sustentabilidade que esta modalidade implica, aseguran.
A investigación permitirá afondar nos máis emblemáticos solpores do Espazo Atlántico, os lugares onde o sol se pon máis tarde nun ou máis días durante o año, ademais de analizar o seu impacto no turismo, na cultura e na actividade económica. Deste xeito, identificaranse algúns dos mellores lugares para gozar do intre do crepúsculo, levaranse a cabo estudos en colaboración coas comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e elaborarse un plan turístico que se comercializará entre as redes de visitantes potenciais.
Ademais da USC e da Fundación CEER, integran o consorcio Wireless Galicia e Universidad de Sevilla, en España; Universidade do Porto, en Portugal; Université d´Angers, en Francia; e University of Galway, en Irlanda. Ademais, o proxecto está apoiado por un grupo diverso de entidades asociadas como Turismo de Galicia, CMAT (Costa da Morte), Innovation Norway (Visit Norway), INCITE-CSIC, Associação Nacional de Municípios Portugueses, Visit Cornwall, Mayo Dark Sky Park / Wild Nephin National Park, Technological University Dublin, Turismo de Porto e Norte e Cornwall Council.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.