
LIGN-0 e MOBULA-0, explican desde UVigo Aerotech, foron deseñadas e están sendo actualmente fabricadas con materiais económicos, seguindo a filosofía da competición na que se estrearán, onde se limita o orzamento de fabricación por aeronave a 300 euros. Porén, subliñan, utilizáronse procesos de enxeñaría moderna como o deseño CAD, a simulación aerodinámica e estrutural ou o mecanizado de diversas pezas, entre outros procesos, que foron posibles grazas ás empresas que colaboran ano tras ano co equipo, a maioría delas do tecido industrial galego. Lign-0, detallan, é un dron de á fixa convencional, cunha disposición similar ás aeronaves civís e Mobula-0 é unha á voante, cun deseño máis atrevido e que abre un mundo novo de posibilidades e permite explorar novos conceptos a UVigo Aerotech. Trátanse, sinala, de dúas aeronaves completamente diferentes ás deseñadas e fabricadas anteriormente por este equipo.
O grupo de estudantes que participa no proxecto está dividido en cinco departamentos que traballan coordinadamente. Son os de Electrónica e Control; Propulsión e Dinámica; Aerodinámica; Estruturas e Organización e Márketing. Como novidade, este curso académico puxeron en marcha o novo departamento, o de Investigación e Desenvolvemento, co obxectivo de desenvolver algunha da tecnoloxía máis punteira da industria aeronáutica, como o voo autónomo, ás flexibles ou machine learning.
Segundo explican desde UVigo Aerotech, a creación de Lign-0 e Mobula-0 está servindo aos membros do equipo para adquirir experiencia e coñecemento no desenvolvemento completo dunha aeronave, desde a fase de deseño preliminar ata o período de fabricación, onde se atopa agora mesmo o proxecto. A previsión é rematar a súa fabricación e realizar as probas en pista de voo as vindeiras semanas e presentalas antes da súa competición en XtraChallenge 2023.
A XtraChallenge na que participarán o equipo da UVigo é unha competición española universitaria de aeromodelismo, concretamente de transporte de carga con drons de á fixa, creada en 2022 por estudantes da Universitat Politècnica de València (UPV), do equipo Xtra2 UPV. A cita xurdiu co propósito de animar ao alumnado estatal a deseñar, construír e pilotar aeronaves radiocontrol desde unha perspectiva de enxeñaría. O certame, que terá lugar do 12 ao 14 de xullo en Valencia, está baseado na Air Cargo Challenge (ACC) na que ten participado o pasado verán o equipo do campus de Ourense.
Desde UVigo Aerotech agradecen a todas as entidades públicas e privadas o seu apoio e colaboración co equipo no desenvolvemento dos seus proxectos, como son a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Coasa, Mecadis, Gurit, Europrecis, Utingal, Marine Instruments, Altair, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, o Civil UAVs Initiative, Centum ou RDC Works e Illumnia.
Evolucionando cada curso
A historia de UVigo Aerotech comezou a principios de 2020 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0 e continuou co deseño e fabricación do dron CORV-0, que competiu na Air Cargo Challenge 2022 en Alemaña, considerada unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa. Coa experiencia adquirida nestes anos e co reto de continuar mellorando e evolucionando nas técnicas empregadas, UVigo Aerotech afronta esta tempada cunha plantilla renovada e novas ideas e cun obxectivo claro: formar aos novos membros e prepararse para a Air Cargo Challenge 2024, que se celebrará en Aachen, Alemaña, que é onde buscaremos utilizar todo o aprendido para lograr os mellores resultados.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.