
A cita está coordina pola Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e nela participan a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Losada Diéguez e a Facultade de Historia do campus de Ourense. Ademais conta coa colaboración dos IES Allariz e o IES O Ribeiro, de Ribadavia, e os concellos de Allariz e Ribadavia. É de recibo unirse a esta conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Foi pioneiro en moitas cousas. En primeiro lugar, e moi especialmente, por centrarse en estudar o patrimonio cultural do país no momento no que o fixo pero tamén polo seu enfoque multidisciplinar, xa que nel había xente que se dedicaba á arqueoloxía, á xeografía, á etnografía, á ciencia, etc. e no xeito de investigar, lembra Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria e historiadora.
Segundo indican desde a organización das xornadas, a partir do ano 1926 os membros do Seminario de Estudos Galegos crearon un novidoso e xenuíno sistema de investigación que denominaron xeiras. O procedemento era o seguinte: as diferentes seccións do SEG acordaban unha comarca e todos os membros dispoñibles desprazábanse alí, arredor dunha semana, para traballar directamente sobre o terreo ao mesmo tempo. O obxectivo era aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos, romarías, realizaban análises xeolóxicas, etc, detallan. O resultado destes estudos eran editados nun volume.
Partindo desta metodoloxía, a proposta das xornadas, comentan desde a súa organización, é pór en marcha unha experiencia similar con alumnado de Educación Secundaria dos concellos de Allariz e Ribadavia, co obxectivo de transmitir e experimentar esta singular vía de investigación no ámbito da cultura galega, en concreto nas áreas da historia, arqueoloxía, literatura, etnografía e arte. Con esta idea, o alumnado participante está a realizar un pequeno traballo de recollida de saber de persoas maiores da súa contorna que plasmarán en vídeos curtos que logo amosarán aos seus compañeiros e compañeiras o día da celebración das xornadas.
Dúas xeiras
A primeira xeira terá lugar o 19 de maio en Ribadavia. Alí o alumnado de Allariz será acollido polo alumnado do IES O Ribeiro e exporá os seus traballos. A programación continuará cunha visita ao xacemento de San Cibrao de Las, onde o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez, explicará o desenvolvemento das escavacións realizadas por Cuevillas. Tamén haberá unha visita guiada á Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba, Amoeiro, onde o alumnado asistirá a pequenas charlas sobre o papel da SEG en Ourense, a cargo de Julio Prada, decano da Facultade de Historia do campus de Ourense, e o papel neste seminario de Otero Pedrayo, a cargo de Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo.
A segunda das xeiras será o 26 de maio en Allariz. Devolvendo a visita recibida, o alumnado de Ribadavia será acollido polo alumnado do IES Allariz e exporán alí os seus traballos. Ao remate visitarán ao xacemento de Armea, onde o director do proxecto arqueolóxico deste enclave, o investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo Adolfo Fernández, explicará o desenvolvemento das escavacións e os resultados acadados durante estes anos. Para rematar a actividade haberá unha visita guiada e breve charla sobre o papel de Vicente Risco na SEG por Antonio Blanco, vicepresidente da Fundación Vicente Risco, e un xantar en Allariz.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.