Notas de prensa

A capacidade da arte para representar e transformar a realidade centra a XXXIX Semana Galega de Filosofía

A arte “como dimensión definitoria do ser humano” e como “expresión simbólica coa que, ademais de representar ou evocar unha realidade externa ou interna, podemos tamén transformar esa realidade” constitúen, como explicou o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, o fío condutor da XXXIX Semana Galega de Filosofía.

Promovida pola Aula Castelao, co patrocinio do Concello de Pontevedra e da Vicerreitoría do campus, este ciclo conta coa participación tanto de diferentes académicos e académicas como de artistas de diferentes disciplinas, que protagonizan as 15 conferencias que integran o programa destas xornadas.

Xunto a Cendón, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, participaron na mañá deste luns no acto de apertura dunha nova edición desta semana, que baixo o título de Filosofía e arte serve tamén para conmemorar o 40 aniversario da Aula Castelao, como lembrou o seu presidente. “A Semana Galega de Filosofía é un encontro de filósofos nacionais e internacionais, que é un privilexio que poida organizarse na cidade”, salientou Lantarón, que lembrou que desde a Universidade, “como non podía ser doutra forma, levamos moitos anos colaborando” cun evento que contribúe á achegar, lembrou, a filosofía á sociedade. Do mesmo xeito, a vicerreitoría subliñou “o acaído” da temática escollida para esta edición, xa que “Pontevedra é o campus da creatividade” e agradeceu a colaboración da Aula Castelao coa programación da Semana da Creatividade, que Campus Crea conmemorará neste mes de abril.

O acaído da temática escollida para este 2023 foi tamén un dos aspectos destacados por Fernández Lores, que salientou que “a arte é un elemento puramente humano, que nos define como especie”.O alcalde lembrou o “papel fundamental” xogado pola cultura “á hora de abrirnos fiestras a lugares e sentimentos inaccesibles cando as rúas estaban pechadas ou non podían ser transitadas con normalidade”, á vez que se felicitou pola “posición extraordinaria como referente cultural” da Semana Galega de Filosofía.

Múltiples olladas ás múltiples dimensións da arte

Na apertura desta 39 edición, Cendón salientou que un dos propósitos deste foro é afondar na arte como unha “senlleira e interpretación e representación do mundo humano” en múltiples ámbitos, “como o social, o persoal, o político o cultural ou o natural”, de tal xeito que as xornadas propoñen abordala tanto como “un medio de expresión do pensamento”, pero tamén “das emocións ou do irracional”, ao igual que incidir na súa capacidade “como un vehículo de comunicación moitas veces mellor que a propia palabra”. Con ese propósito, buscaron que nesta semana estivesen representadas múltiples disciplinas, como a pintura, a escultura, a arquitectura, o cinema ou as artes escénicas, o que permitirá “reflexionar sobre a evolución da arte na nosa sociedade”, así como ir máis aló “do punto de vista teórico da filosofía da arte”, dando voz “ás propias artistas, para que nos falen da súa actividade creativa”. Ademais, outro dos focos de análise será “o rol da arte como produtora de ideoloxías e como medio de análise e denuncia”, salientou Cendón na apertura dunhas xornadas que, lembrou, “non serían posibles sen o patrocinio e o apoio” tanto do Concello e da Universidade, como da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o IES Valle Inclán.

Académicos e artistas nun programa con tres bloques

Con eses obxectivos, a programación desta Semana Galega de Filosofía abrangue unha serie de conferencias matinais, “máis centradas na filosofía”, cun segundo bloque de relatorios que poñen o foco na situación das artes en Galicia, e un terceiro bloque de relatorios “cun carácter máis aberto”, no peche de cada xornada. De abrir esta programación responsabilizouse nesta xornada o catedrático da Universidad de Murcia Francisco Jarauta, quen afondou “nos temas da filosofía en relación co mundo contemporáneo”, nunha conferencia titulada Certamente é estraño que a Terra xa non sexa habitábel. Tras lembrar os “moitos encontros” nos que participou na Facultade de Belas Artes, Jarauta destacou na súa intervención que “temos a sorte ou o infortunio de vivir na época máis acelerada da historia humana”, na que os cambios que se producen “son tan rápidos e tan radicais”, que, defendeu, “ninguén se atrevería a facer o mapa de cal será o mundo do 2050”.

Tras a súa conferencia, as sesións matinais reúnen nos próximos días, baixo o título de Pensar a arte, a académicos como os historiadores da arte Miguel Anxo Rodríguez e Patricia Mayayo, o catedrático da Universidad de Málaga Luis Puelles e a profesora da Autónoma de Barcelona Andrea Soto. No bloque das tardes, tomarán a palabra a arquitecta María Novas, a pintora e ilustradora Iria Ribadomar, a actriz Sabela Hermida, a poeta Chus Pato e o director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía, Germán Labrador.

Por último, o bloque Perspectivas da arte, programado para as 20.00 horas, ábrese este luns co artista visual Francesc Torres e continúa o martes coa ensaísta e investigadora do Instituto de Filosofía do CSIC Remedios Zafra. O músico e cineasta Fermín Muguruza responsabilizarase da conferencia deste mércores, mentres que o xoves as xornadas deteranse nos vínculos entre fotografía e pensamento da man de Vítor Vaqueiro. Finalmente, na tarde do venres, o músico e doutor en Filosofía Santiago Auserón será o encargado de clausurar esta XXXIX Semana Galega de Filosofía cun relatorio titulado A música na Grecia antiga e a orixe da filosofía.

Universidade de Vigo, 2023-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES