Notas de prensa

Tatsuya Nakada, un dos maiores expertos internacionais en experimentos de física de partículas, visita a USC

O profesor da Universidade suíza de Lausanne e un dos maiores expertos en experimentos de física de partículas do mundo, Tatsuya Nakada, visitou este luns a USC, onde asinou no Libro de Honra da institución logo de ser recibido, no Colexio San Xerome, polo reitor Antonio López. O profesor Nakada estivo acompañado polo vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e polos investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Bernardo Adeva e Diego Martínez.

O IGFAE, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, convidou a Tatsuya Nakada a Compostela con motivo da defensa da tese do investigador predoutoral do IGFAE, Marcos Romero Lamas.

Tatsuya Nakada chegou nos anos 70 ao CERN para realizar a súa tese doutoral e participar na construción do primeiro colisionador protón-protón, o ISR, que preparou o camiño para construír aceleradores posteriores como o LHC. Dirixiu o experimento LHCb do CERN, un dos experimentos principais do LHC dende a súa primeira proposta en 1995 ata o final da súa construción en 2008, sendo considerado o "pai" desta gran colaboración internacional que hoxe está integrada por máis de 1.000 físicos e físicas. Xogou ademais un papel importante en promover a participación da USC no LHCb dende o inicio da proposta, cando comezou a colaborar co profesor Adeva. Na consecución do devandito experimento o IGFAE da USC tivo unha participación importante construíndo o Silicon Tracker, un detector de silicio para reconstruír as traxectorias das partículas.

Despois de dirixir o LHCb durante case 15 anos, presidiu o Comité Europeo de Aceleradores do Futuro, que establece os obxectivos e prioridades para desenvolver os aceleradores de partículas en Europa durante os próximos 50 anos. Na actualidade, dirixe o equipo internacional para o estudo do International Linear Collider (ILC), proposto polo goberno de Xapón, que é un dos aceleradores que se barallan para o futuro, xunto coa proposta do propio CERN.

O Modelo Estándar, a proba

A tese doutoral presentada este luns 27 e na que Nakada foi presidente do tribunal aborda unhas medidas de enorme precisión do ángulo de oscilación materia-antimateria do mesón pesado B, realizadas polo investigador predoutoral Marcos Romero Lamas baixo a dirección de Veronika Chobanova e Diego Martínez. Estas medidas constitúen un dos obxectivos principais do experimento LHCb no seu conxunto e son as máis precisas do mundo ata a data, poñendo a proba a validez do Modelo Estándar da física de partículas. Os resultados serán publicados en breve pola colaboración LHCb.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-02-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES