
Despois de esgotar as dúas primeiras cotas de abonos a prezo promocional, o festival desvela os primeiros nomes dun cartel musical que o diferencia doutros eventos estivais por ofrecer unha programación completa con artistas de gran calidade que actuarán en diferentes localizacións da Ribeira Sacra.
Morgan, A Costa Brava, Lontreira e Pastor Eléctrico son as primeiras confirmacións dun cartel musical que se irá ampliando proximamente e complementarase con outras actividades paralelas vinculadas co patrimonio cultural.
O grupo madrileño Morgan, chegará a Ribeira Sacra para presentar os temas do seu último álbum, The River and the Stone, mentres que a banda indie española La Costa Brava regresa aos escenarios nunha pequena xira tras case quince anos desde a súa desaparición e farán unha única parada en Galicia para deleitar aos seus fans cun repaso á súa traxectoria.
Dous débuts galegos visitarán 17 Graos Ribeira Sacra para presentar os seus traballos: a banda Pastor Eléctrico e o grupo galego Lontreira, que tocará cancións do seu primeiro disco Apnea, un proxecto musical e poético no que recolle temas con evocacións musicais moi diversas.
Desde hoxe, o festival abre unha última cota de abonos a 65 euros (+g.x), que darán acceso aos concertos da fin de semana, ademais do abono bus 17°, o transporte interno para moverse comodamente polos escenarios do festival. Este abono complementarase máis adiante co resto de entradas para actividades: concertos a bordo do catamarán, catas, roteiros e a oferta gastronómica para gozar dunha fin de semana completa.
Proximamente daranse a coñecer máis artistas confirmados e as novidades do programa dun festival que reunirá de novo concertos nalgúns dos escenarios máis singulares da Ribeira Sacra, como o catamarán de Ponte do Sil onde ten lugar o Concerto Sorpresa Cervezas Alhambra ou o Miradoiro de Santiorxo e o seu escenario Momentos Alhambra.
17º Ribeira Sacra volve contar co apoio de Cervezas Alhambra como principal patrocinador na súa aposta pola música e polo descubrimento de experiencias auténticas feitas para gozar sen présa e cos cinco sentidos.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.