O seu obxectivo é avanzar no uso de drons en operacións de mantemento de parques eólicos situados no mar.
A iniciativa está financiada polo programa de Transición Ecolóxica e Dixital (TED) do Ministerio de Ciencia e Innovación e a súa coordinación recae en Higinio González e Elena Martín, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e membros do novo Instituto de Física e Ciencia Aeroespacial do campus de Ourense. A participación da Universidade da Coruña está liderada polo investigador Marcos Míguez e a do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales Catec, da Fundación Andaluza para el Desarrollo Aeroespacial, por Antidio Viguria. O proxecto desenvolverase ata novembro de 2024.
Potencialidades e complexidades
Eagle, explican desde a súa organización, céntrase en abordar a problemática das operacións de mantemento en parques eólicos offshore e a posibilidade de utilizar aeronaves non tripuladas. A produción de enerxía eólica nestes parques situados no mar, detallan, tense multiplicado exponencialmente no último lustro e prevese que se siga incrementando durante os próximos anos, para contribuír tamén a alcanzar os obxectivos climáticos e de descarbonización da produción eléctrica. Neste ámbito, engaden, Galicia é unha comunidade autónoma que presenta gran potencial.
O Pacto Verde Europeo, comenta o equipo do proxecto, transformará a UE nunha economía competitiva e eficiente no uso de recursos para deter o cambio climático e a degradación do medio ambiente e o cumprimento de ambiciosos obxectivos como a eliminación das emisións netas de gases de efecto invernadoiro para 2050 e o crecemento económico desvinculado do uso de recursos naturais, require, entre outros, aumentar as instalacións de enerxía eólica mariña dos 12 GW instalados ata 2020 a 300 GW en 2050. Para poder lograr este reto, apuntan, a enerxía eólica offshore debe continuar mellorando e reducindo os seus elevados custos de operación e mantemento, xerados principalmente polas condicións ambientais complexas, e en ocasións hostís, do mar.
Segundo afirman desde o proxecto Eagle, o mantemento é unha das operacións máis custosas dentro da explotación das infraestruturas eólicas offshore e as aeronaves non tripuladas poden contribuír tanto na inspección da infraestrutura como na realización de operacións de tipo loxístico. O incipiente uso de drons en tarefas de inspección e loxística, detallan, resulta interesante debido á rapidez de despregamento, á seguridade ao evitar usar operarios en altura, á facilidade de dixitalización de certas accións e á accesibilidade para persoas de mobilidade reducida. No entanto, engaden, presenta tamén certas complexidades que serán abordadas durante o proxecto, como por exemplo a dificultade de aterraxe e despegue autónomo sobre plataformas flotantes e o voo na proximidade ou en contacto cunha estrutura.
Visión multidisciplinar
Neste marco de traballo, no proxecto estúdanse, entre outros elementos, a influencia da meteoroloxía nas operacións a escala pequena (micro-weather); a interacción entre aeronaves non tripuladas e estruturas flotantes, como as propias turbinas eólicas e os barcos de apoio; a planificación automática de rutas ou aspectos relativos á normativa aeronáutica aplicable. Eagle, afirma o equipo promotor, aposta por unha visión multidisciplinar, combinando especialistas en modelado xeoespacial, meteorolóxico e CFD (Universidade de Vigo), con especialistas no ámbito das aeronaves non tripuladas (Catec) e na dinámica de plataformas flotantes como barcos de apoio ou turbinas eólicas offshore (Universidade da Coruña).
Concretamente, o equipo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo centrarase no modelado xeoespacial da contorna de operación, tanto a nivel aéreo como mariño, e na dixitalización do espazo aéreo e mariño do parque eólico offshore e os seus barcos de apoio, de cara a integrar esta información cos modelos de control das aeronaves non tripuladas e cos de infraestruturas flotantes implicadas na operativa do parque eólico. Os modelos empregados por este equipo permitirán realizar unha predición rápida e detallada do mapa de vento local (intensidade e dirección de vento, ronseis e turbulencia) en función das previsións meteorolóxicas no emprazamento e obter a altura, frecuencia e dirección das ondas do mar.
O equipo da Universidade da Coruña integrará esta información en modelos dinámicos das estruturas flotantes implicadas no proxecto (embarcacións de apoio e aeroxeradores mariños). Desta forma, será posible determinar os movementos da estrutura flotante en función da velocidade e dirección do vento e ondas, así como cal é a mellor estratexia para que un dron interactúe con ela para unha inspección e operación de loxística, sinalan desde o proxecto. Pola súa banda, Catec centrarase nas aeronaves non tripuladas empregadas nas operacións de inspección e loxística. Debido ás condicións ambientais existentes nun parque eólico offshore, é necesario desenvolver novos enfoques de control que permitan aumentar a capacidade operativa dos drons: control de voo en interior de ronseis de aire xerados tras as estruturas, algoritmos de despegue e aterraxe precisos, así como algoritmos de planificación de misións, tanto na fase de aproximación á turbina como durante as operacións na súa proximidade, afirman por último desde o proxecto Eagle.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.