
A acuaponía é un sistema de cultivo que combina a acuicultura tradicional coa hidroponía, o cultivo de plantas na auga. O proxecto europeo AWARE, no que participa a USC xunto con outras dezanove institucións de Italia, Portugal, Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Grecia e Chile, ten como principal obxectivo crear a primeira granxa en Europa que utilice auga depurada nun sistema acuapónico. En concreto, o equipo de virus entéricos do grupo de referencia competitiva Investigación de Patoloxía na Acuicultura (GIPA), liderado polo catedrático Jesús López Romalde investigador adscrito ao Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), participará na avaliación da calidade das augas que saen das Estacións de Augas Residuais (EDAR) e que se utilizarán nos sistemas de acuaponía. O equipo tamén se centrará na avaliación da seguridade alimentaria dos produtos (peixes e plantas) que se produzan no devandito sistema.
Castellana Grotte, na rexión italiana de Puglia, é o lugar elixido para albergar a granxa piloto que está previsto que abra as súas portas ao público en 2026. Imaxinádevos que unha planta de tratamento de augas residuais se converte nunha granxa, explican dende a coordinación do proxecto, coa tecnoloxía adecuada, podemos producir peixe e vexetais, en cada cidade, sen solo, nin auga doce, e sen emisións de gas". As augas residuais en Europa sométense a un tratamento rigoroso e convértense en auga rexenerada que se pode verter legalmente na capa freática ou utilizarse para a rega. Con todo, cando se aplican pasos de tratamento adicionais (tratamentos terciarios avanzados), a auga recuperada vólvese indistinguible da auga potable.
Existe un baleiro regulatorio en Europa: podemos usar auga rexenerada para a agricultura pero non para a acuicultura e a acuaponía, relata o coordinador do proxecto, Fabio Ugolini, queremos sentar as bases para un novo marco político en apoio da acuicultura europea e demostrar a viabilidade dunha cadea de valor alimentaria completamente nova.
Accións
Para alcanzar o horizonte previsto para 2026, as institucións integrantes do consorcio deberán centrarse en que a auga depurada estea libre de todos os contaminantes potencialmente daniños, incluídos os contaminantes de preocupación emerxente que actualmente non están regulados na Directiva Europea de Augas Residuais; en segundo lugar, a granxa acuapónica debe producir peixe e vexetais que cumpran cos requisitos de seguridade e calidade máis estritos; en terceiro lugar, o sistema debe ser sostible dende unha perspectiva ambiental, social e económica; por último, os resultados deben ser o suficientemente sólidos como para convencer tanto aos políticos como aos consumidores dos beneficios de utilizar o que orixinalmente eran augas residuais para producir produtos comestibles.
Para acometer todas esas accións, o consorcio conta cun financiamento superior aos cinco millóns de euros ao abeiro da convocatoria da Unión Europea HORIZON-CL6-2022-FARM2FORK-01 e cofinanciado polo UK Research and Innovation (UKRI).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.