
Stat Wars: a rebelión dos datos é o título do relatorio que impartirá Vicente Lustres Pérez, CEO e cofundador de Biostatech, empresa de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e investigadores con experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da Vida e a Saúde. Lustres Pérez é doutor en Bioloxía e ten un mestrado en Estatística Aplicada.
A continuación, será a quenda de Daniel Seijas, doutor en Historia Contemporánea, quen falará dos irmáns Portela, creadores do magnetófono galego e pioneiros da electrónica en Galicia, tal e como indica o título da súa charla.
Finalmente, o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares, abordará na súa intervención Galicia nomeada, plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Galicia Nomeada: na procura dos nomes da túa terra será o título do seu relatorio.
As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo e que o pasado ano cumpriu o seu décimo aniversario.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.