Notas de prensa

A ciencia volve á rúa coa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino

Este venres, a Praza do Bispo Cesáreo, situada no centro da cidade de Ourense, acollerá unha nova edición da feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense co apoio do Concello de Ourense. En 13 postos abertos ao público, as persoas interesadas poderán achegarse a “descubrir a maxia da ciencia da man das investigadoras do campus de Ourense”.

A cita foi presentada este martes no Centro de Información Municipal á Muller de Ourense (CIMM) polas profesoras da UVigo e coordinadoras da actividade Alma Gómez (Escola Superior de Enxeñaría Informática); Julia Carballo (Facultade de Ciencias), e Nieves Lorenzo (Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo); Telmo Ucha, concelleiro de Política Social, e Malena de Jesús, directora do CIMM. A feira leva por título VI Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, celébrase con motivo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e por segundo ano sae do campus de Ourense para celebrarse no centro da cidade das Burgas. A actividade, que conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e as unidades de Igualdade e Cultura Científica da UVigo, terá lugar de 11.00 a 18.00 horas e está destinada a alumnado non universitario e público en xeral, podendo achegarse, sen inscrición previa, colexios e familias interesadas. Será, indican desde a organización, “unha oportunidade única que de seguro lle permitirá ao público asistente aprender máis sobre a ciencia e as científicas”.

Segundo explicou Julia Carballo, non será unicamente unha xornada de información e de captación de mulleres para as carreiras científicas, “nas que máis déficit existe”, senón que se poderá participar de forma activa, como adiantaba Alma Gómez. Neste senso, Nieves Lorenzo indicou que “agardamos que esta xornada sexa un pequeno gran de area”, “pero non só para mulleres, tamén para atraer alumnado a estas carreiras”. Pola súa banda, Telmo Ucha sinalou que “desde o Concello queremos invitar a participar o alumnado de todas as etapas educativas a que acudan co seu profesorado e coas súas familias, porque será unha grande experiencia formativa e lúdica pensada para todas as idades”.

Diversidade de temas e experimentos

Arredor dun cento de persoas, maioritariamente investigadoras do campus de Ourense, implícanse na organización e celebración da feira, que contará con 13 postos nos que outros tantos grupos de investigación desenvolverán de xeito ameno diferentes experimentos ou coñecementos relacionados con distintas áreas do saber. Concretamente, participarán os grupos do campus MundoMicro (Microbioloxía); BioMacro (Enxeñaría Química); Grupo ColorChem (Nutrición e Bromatoloxía); Grupo Ephyslab (Física da Terra); Bioloxía Vexetal; AeroeXXperimenta (Aeroespacial); Informática, Linguaxes e Sistemas; Enfermaría; SosVal (Solo); Sensociencia; FunSuperestructuras; S3 e BiotecnIA.

No percorrido por cada un dos postos, as persoas interesadas poderán ver microorganismos da auga, coñecer o valor oculto da biomasa, crear un arco da vella nunha botella, saber como se forman as nubes ou achegarse á loita “insectfriendly” contra a vespa velutina. Igualmente, poderán coñecer como a ciencia está a sacar partido aos residuos, afondar na relación entre ciencia e cociña con diversos experimentos e ver “a beleza e o poder das enzimas”. Cun enfoque moi lúdico, as e os interesados terán a oportunidade de xogar á “química forense” (cunha recreación do afundimento e explosión do buque Casón, a busca de evidencias incriminatorias e a captura de culpables) ou nunha “escape room” titulada Atrapados nunha (Bio)refinaría. Tamén terán ocasión de ver unha maqueta dun túnel de vento no que entender a aerodinámica dos avións e dos foguetes; crear pequenos videoxogos e dirixir avatares e coñecer cuestións como o grupo sanguíneo ou canto aire teñen nos pulmóns.

Oracle4Girls Ourense

Tamén no marco da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus acolle o sábado 11 de febreiro a celebración da Oracle4Girls Ourense. Trátase dunha iniciativa de Oracle que nace en 2017 co obxectivo de inspirar ás mozas para estudar carreiras de ciencias e tecnoloxía, o que se coñece por STEM (Science, Tecnhnology, Engineering and Mathematics). Con diferentes sesións para nenas de entre 4 e 16 anos desenvólvense, en modo lúdico, talleres baseados en robótica, programación, impresión 3D e en diferentes áreas tecnolóxicas. A iniciativa xa visitou cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga ou Bilbao e nesta ocasión celébrase en Ourense.

Universidade de Vigo, 2023-02-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (internacionalizacion-01.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello 'aprobou hoxe a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con horizonte 2028, e dotada de máis de 160 millóns de euros'. Este orzamento supera nun 54 % o da Estratexia 2021-2025. O obxectivo, tal e como resaltou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, 'é que cada vez máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e cheguen a novos mercados'. A nova folla de ruta poñerá especial interese, segundo explicou o presidente, 'en dous destinos que ofrecen grandes oportunidades como é China e os países de Mercosur'.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu hoxe a reunión do Grupo de Traballo de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), celebrada na Fundación Galicia Europa, en Bruxelas, e na que participaron representantes de rexións de España, Francia, Italia e Bélxica. O encontro serviu para debater o documento 'Visión 2040: renovar hoxe para asegurar o mañá', elaborado por Galicia xunto coa Secretaría Xeral da CRPM, que recolle a valoración das rexións sobre a estratexia da Comisión Europea para a pesca e a acuicultura e as súas prioridades para o futuro da Política Pesqueira Común (PPC).

Notas

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura de investigación do Centro de Investigación Mariña da UVigo, acolle esta semana as V Xornadas Internacionais de Xenética en Acuicultura (JIGA-V), un encontro científico que reúne especialistas de España e Iberoamérica para analizar os principais desafíos da acuicultura desde unha perspectiva que integra a innovación, a biodiversidade e o benestar animal.
'Unha invitación a contemplar o mundo desde unha perspectiva diferente, a descubrir que detrás da emoción estética tamén existen estruturas, proporcións, simetrías e leis que nos axudan a comprender mellor a realidade'. Con estas verbas definiu a vicerreitora de Cultura da USC, Ana Cabana, a mostra 'Patróns de beleza. Simetría na Arte', comisariada por Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben González.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES