Notas de prensa

A UDC crea a Rede de centros e unidades de I+D+i

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron a Rede de centros e unidades de I+D+i da UDC, recentemente constituída co obxectivo de reforzar as estruturas dos centros de investigación existentes de forma que se potencie a investigación e a competitividade dos mesmos.

Este Rede, dependente da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia, ponse como obxectivos o impulso da captación e retención de talento investigador, a mellora das capacidades investigadoras dos centros de investigación, especialmente en contextos internacionais, e a exploración de novas fontes de financiamento públicas e privadas. Ao fronte da Rede estará como director estratéxico, Fausto Infante Roura, que era xefe do Servizo de Investigación da sección de I+D da Consellería de Educación.

O reitor explicou que a finalidade desta rede é “crear un ecosistema que favoreza o traballo dos nosos investigadores e alivie as cargas administrativas e burocráticas da xestión da investigación alleas á UDC, necesarias polos requirimentos das entidades financiadoras”.

Abalde sinalou tamén que a UDC foi a primeira universidade galega en adaptar os seus centros de investigación á nova normativa autonómica e agora é tamén pioneira en crear este tipo de rede, consecuencia “lóxica” do desenvolvemento dos centros e unidades de investigación existentes na UDC. “Trátase de establecer unha estrutura de coordinación e sumar esforzos”, resumiu.

Para o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, esta Rede fomentará e potenciará a actividade que se desenvolve nos centros de investigación da UDC nun contexto en que “cada vez é máis necesaria a interacción entre si e con outros centros doutras universidades”.

Nesta liña apuntou o novo director da Rede, “a investigación actual cada día é máis esixente” dándose o paradoxo de que por un lado se pide que o coñecemento sexa cada vez máis especializado e, polo outro, que sexa transversal. “A Rede aporta ese plus que busca a UDC, que sexa máis especializado e transversal”, manifestou aclarando que “non é un conglomerado de centros senón que é un sistema de gobernanza propio para impulsar accións concretas”.

A Universidade da Coruña conta co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC); Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC); Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI); así como co Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga; Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin; Instituto Universitario de Estudos Marítimos; Instituto Universitario de Medio Ambiente e o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, ademais os campus de especialización Innova, Sustentabilidade e Industrial.

Foto: Desde a esquerda, Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia; Julio Abalde, reitor, e Fausto Infante, director estratéxico da Rede de centros e unidades de I+D+i da UDC.

Universidade da Coruña, 2023-02-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES