Notas de prensa

Os premios Egeria poñen en valor os traballos que reivindican a perspectiva de xénero

Unha pescuda no arquivo familiar para reescribir a xenealoxía feminina ou un dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato son dous dos traballos gañadores da novena edición dos Premios Egeria. Trátase duns galardóns que convoca a Unidade de Igualdade co obxectivo de fomentar a introdución da perspectiva de xénero.

En total repártense 3300 euros entre os catro mellores TFG (500€ cada un) e os dous mellores TFM (600€).

No que se refire aos traballos fin de grao, o xurado decidiu premiar no eido das ciencias sociais e xurídicas a Lorena Reboredo Rivas pola súa investigación sobre a violencia vicaria e a instrumentalización de fillos e fillas para danar ás nais. No eido das ciencias da saúde e rama enxeñaría e arquitectura o premio foi para un traballo titulado Retraso na reperfusión coronaria en pacientes con infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST: unha cuestión de xénero. No ámbito da artes e as humanidades concedéronse dous premios, un para Claudia Pineda Mesquida, por Mulleres errantes. Reescribindo a miña xenealoxía feminina a través do álbum de viaxe familiar, e outro para María Belén Álvarez Mosquera, por Comentario e proposta de tradución ao galego de La mujer de su casa e La educación de la mujer de Concepción Arenal.

No que atinxe aos traballos fin de mestrado, no eido das ciencias sociais e xurídicas, o premio Egeria foi para Rebeca López Villar, que presentou unha proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato, mentres que o ámbito das artes e as humanidades a galardoada foi Lidia López-Briñas Pérez-Vico Artes, que se centrou na análise do uso da linguaxe non sexista nunha Resolución de Nacións Unidas e a súa tradución ao español. 

Reescribindo o arquivo familiar 

O traballo de Claudia Pineda, egresada de Belas Artes, presenta un percorrido polo espazo e a memoria “a través dunha instalación composta por fragmentos íntimos da miña familia” a través de fotografías, postais, cartas, etc. sobre un vello biombo e dunha videoproxección de súa avoa salvadoreña. O que busca con esta proposta é, explica, “comunicar a través do legado familiar a tensión entre o recordo, o esquecemento, a viaxe e o feito de ser muller”. 

A necesidade de rebuscar e organizar todas estas pezas pertencentes ao seu arquivo familiar xurdiu, como ela mesma relata, “da necesidade de atopar un sentido á miña identidade feminina multicultural e interxeracional, a través dunha reinterpretación de aqueles recordos que atesouraron as mulleres errantes da miña familia”. Todo este proceso permitiulle “explorar a través de imaxes e testemuños, as liberdades e limitacións da muller que viaxa” e tamén lle serviu para afrontar situacións interpersoais que “non só enriqueceron o meu traballo plástico, senón que me permitiron estreitar vínculos, pechar ciclos e entenderme mellor”. De feito, esta non é a primeira vez que a artista se achega a este tipo de temáticas, xa que como relata, hai arredor de catro anos que a maioría dos seus proxectos están “ligados á miña identidade, indagando no meu propio arquivo e resolvendo conflitos do pasado”. 

Aínda que esta non é a primeira vez que o seu traballo é merecedor dun premio, recoñece que este é “moi significativo” porque precisamente leva o nome de Egeria, “unha das primeiras mulleres viaxeiras da historia, un referente á hora de romper mitos sobre a muller que viaxa, tal e como intento amosar en parte do meu traballo”. Ademais, o feito de que se trate dunha convocatoria que recoñece a inclusión da perspectiva de xénero, engade, “enorgulléceme e faime especial ilusión, posto que é unha temática pola que sempre vou a estar loitando”. Agora faino dende Baleares, onde traballa no Consell Insular de Formentera como dinamizadora sociocultural, creando proxectos colaborativos artísticos e fomentando a participación sociocultural. 

Un dicionario feminista de termos cinematográficos 

Outras das premiadas nesta convocatoria dos Premios Egeria é Rebeca López Villar, polo seu traballo final do mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. A súa proposta consiste nun recurso didáctico, en concreto un dicionario, elaborado con perspectiva de xénero e destinado ao profesorado de cultura audiovisual. 

O traballo baseouse na lei educativa anterior, xa que no momento de elaboración aínda non estaba publicado o currículo da LOMLOE, e o seu obxectivo é “facilitar a incorporación de referencias femininas na docencia desta materia de bacharelato, xa que comprobei que o currículo educativo non rexistraba o traballo das mulleres no eido cinematográfico e que non respectaba a linguaxe inclusiva”. Por exemplo, relata López Villar, “non existía ningunha alusión nominal explícita a unha muller cineasta” e aínda que cada docente pode adaptar os contidos expoñendo nomes de muller, “falar de mulleres creadoras non debería ser opcional, e a única forma de aseguralo é regulalo a través dos textos lexislativos”. 

A súa resposta ante esta situación foi un recurso didáctico que paliase estas ausencias en cuestións de igualdade. Para a súa elaboración seleccionou no currículo 33 termos cinematográficos, como banda sonora, cámara lenta, cine mudo, contraplano, curtametraxe, ou filme, entre outros. “Con todas estas palabras construín un prototipo de dicionario, un caderno escrito en galego, con 64 páxinas A5 distribuídas en 33 pregos. Cada prego inclúe a descrición breve dun termo cinematográfico, ilustracións, alusións á presenza da muller nese eido e referencias bibliográficas”. 

Para a autora, esta non é a súa primeira aproximación á temática feminista e, de feito, a súa tese de doutoramento tamén se centrou nas mulleres no audiovisual. De feito, para este proxecto decidiu aproveitar parte da bibliografía e dos datos obtidos naquela investigación.
 

Universidade de Vigo, 2023-01-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES