Notas de prensa

USC, UVigo e Xunta de Galicia seguirán dando pulo ao Inventario forestal continuo de Galicia

As universidades de Santiago de Compostela e de Vigo amplían a súa colaboración coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, asinou unha addenda ao convenio subscrito con ambas institucións académicas en marzo de 2020.

Así, mellorarase o acordo e ampliarase a súa vixencia ata finais de 2024. O orzamento conxunto do convenio, no período 2020-2024, supera o millón de euros. Por parte da USC, están involucrados neste proxecto investigadores da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFOR) e do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.

A finalidade do Inventario Forestal Continuo de Galicia é coñecer —de maneira precisa e actualizada— non só a cantidade de madeira rexistrada nos montes galegos senón tamén a súa calidade, algo esencial para a planificación e a toma de decisións. Desta forma, xa nos próximos meses deste ano 2023 Galicia contará cun mapa forestal preciso que recollerá a superficie total forestal presente na comunidade e repartida por formacións específicas.

Visor cartográfico

Cómpre salientar que os primeiros resultados deste inventario xa están dispoñibles para o público nun portal web, realizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. É unha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos. Este espazo web enmárcase no convenio de colaboración que agora se prorroga coas universidades.

Dentro desas liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariación que están a recoller as brigadas da empresa pública Seaga baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo no devandito portal web.

A posta en marcha do Inventario responde ao compromiso da Xunta co monte galego en xeral e, nomeadamente, co sector (manifestado a través do Consello Forestal), así como coa realización dun mandato parlamentario. Este mandado fíxose no ano 2018 a través do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia.

Este documento sinalaba que era necesario crear un “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.” O Inventario Forestal Continuo procura, precisamente, dar resposta a estas necesidades.

Consello Forestal

Unha vez iniciados os traballos do Inventario, a Consellería do Medio Rural dirixiuse —en cooperación coas universidades galegas— ás entidades que compoñen o Consello Forestal de Galicia para trasladarlles unha enquisa electrónica co fin de coñecer as solucións ou requirimentos técnicos que as organizacións, asociacións e entidades involucradas no sector forestal galego desexaban que incorporase. Logo deste proceso inicial de escoita, acádanse xa máis de dous anos de traballos para dar resposta ás demandas establecidas polo Consello Forestal de Galicia.

O deseño e desenvolvemento do Inventario tamén está recollido no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ‘Cara á neutralidade carbónica’, dentro do eixe V (Estatística, formación e investigación forestal). Dise que esta ferramenta estará baseada “nun sistema de monitoraxe forestal continuada que, superando a problemática da pequena escala de propiedades e operacións e a elevada velocidade dos cambios, redunde en melloras da información obtida”.

 Refírese á mellora dos datos “en canto á súa frecuencia, desagregación por especies, resolución espacial ou posibilidade de aproveitamento para a subministración á cadea monte-industria”. Ademais, tamén se cualifica o Inventario como un instrumento “de seguimento anual de superficies e recursos forestais, que detectará cambios de uso e de especies principais”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-01-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade.

Notas

No marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, estableceuse como obxectivo a elaboración dun protocolo común en materia de acompañamento psicolóxico ao estudantado destas universidades.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que ten por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Con arredor dun centenar de asistentes, no evento presentaranse arredor de 70 traballos científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES