Notas de prensa

A USC coordina un consorcio internacional que desenvolve unha nova metodoloxía educativa colaborativa para a formación inicial do profesorado

O proxecto Transferencia de Coñecemento Educativo (EKT, polas súas siglas en inglés) é unha “alianza de coñecemento para a educación superior” que coordina o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC coa participación dun total de once socios académicos e tecnolóxicos de seis países da Unión Europea.

O proxecto está traballando no desenvolvemento dunha nova metodoloxía educativa colaborativa para a formación inicial do profesorado. Esta ferramenta “permite facer un seguimento efectivo de todo o proceso de prácticas educativas de futuros/as docentes a través dunha metodoloxía de aprendizaxe innovadora, onde a colaboración e a comunicación son unha constante entre todos os actores implicados no proceso, alumnado en prácticas, titores universitarios e de escola”, detalla a profesora de Ciencias da Educación Carmen Fernández Morante. 

O sistema EKT é unha conxunción dun campus virtual, ferramentas colaborativas na nube, comunicación síncrona e asíncrona, portafolios dixital ou xerador de contidos académicos multimedia, entre outras aplicacións propias de xestión das prácticas académicas curriculares. Concretamente o portafolios dixital EKT, desenvolvido no marco deste proxecto, está previsto que se integre nunha futura versión da plataforma internacional LMS Chamilo, con máis de 31 millóns de persoas usuarias en todo o mundo. Pola súa potencialidade, o portafolios dixital EKT foi validado pola comunidade técnica que forma parte do consorcio para a súa incorporación na próxima versión da plataforma.

EKT

O proxecto acaba de celebrar en Viena unha xornada de traballo coa participación do equipo técnico responsable do desenvolvemento do sistema intelixente EKT para as prácticas, equipo integrado polo Centro de Supercomputación de Galicia e empresas do sector. En palabras do grupo responsable “o sistema intelixente EKT representa un dos produtos centrais do proxecto pola súa complexidade tecnolóxica e potencial innovador e foi desenvolvido en tres fases de investigación”.

Nun primeiro momento abordouse a análise diagnóstica de necesidades formuladas polos titores de prácticas, tanto da etapa universitaria como do ámbito escolar, durante o curso 20-21. Nunha segunda fase, abordouse a experimentación piloto durante o período de prácticas escolares do curso 21-22 en centros de formación inicial do profesorado dos cinco países participantes, España, Austria, Portugal, Irlanda e Inglaterra. A experiencia acumulada deu lugar a unha segunda versión evolucionada do sistema. Neste primeiro ciclo de test participaron titores de alumnado dos graos de formación do profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

Xa no presente curso, estase a traballar nunha terceira fase derivada do segundo ciclo de experimentación piloto, o que dará lugar á terceira e definitiva versión do sistema, e que incorporará como segundo produto a aplicación EKT para a interacción de estudantes de prácticas e titores dende dispositivos móbiles. Os traballos actuais repercutirán na experiencia de usuario mellorando a navegación, a comprensión da lóxica do sistema e a achega de analíticas de aprendizaxe de utilidade para os tres perfís de usuario posibles (titores universitarios, de escola e futuros/as docentes).

O consorcio coordinado pola USC confórmano ademais o Centro de Supercomputación de Galicia, como coordinador do equipo tecnolóxico; a Universidade de Minho; a Pädagogische Hochschule Wien; a University of Plymouth; o Marino Institute of Education; BeezNest Belgium; H2 Learning; Die Berater e Lusoinfo II Multimédia SA.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2022-12-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES