Notas de prensa

O Premio Valentín Paz Andrade distingue traballos sobre a fiscalidade da enerxía eólica e a análise da vulnerabilidade de Galicia

O xurado do IX Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, que convocan o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC e o Consello Económico e Social de Galicia, deu a coñecer o seu ditame para distinguir aqueles traballos de investigación que contribúen ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia.

O artigo ‘Renewable energy taxes and environmental impacts: A critical reflection from the wind tax in Spain’, do que son autoras as profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, fíxose co galardón na modalidade correspondente aos ‘Traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas’, dotado con 2.000 euros. Publicado na revista Energy and environment, o texto aborda a fiscalidade da actividade eólica establecendo unha análise comparada da situación en Galicia coa doutras comunidades autónomas. Ademais, caracteriza socioeconomicamente este tipo de tributación e avalía a idoneidade desta fiscalidade para gravar os impactos ambientais asociados a esta xeración de enerxía. A dicir das autoras, “a tributación ‘verde’ é unha ferramenta chave para o deseño das políticas enerxéticas sostibles do futuro, desde a perspectiva de penalizar as actuacións lesivas co entorno, mellorar a eficiencia produtiva de ditos parques, aumentar a aceptación social por parte da cidadanía e implementar programas para o avance socioeconómico e demográfico no rural de Galicia”.

Na presente edición, da que o xurado salienta a concorrencia dun gran número de traballos de gran calidade científica, outorgouse tamén un accésit a unha investigación sobre o aproveitamento dos recursos micolóxicos nos montes en man común en Galicia e sobre a súa potencial contribución ao desenvolvemento sostible do rural galego. O artigo, titulado ‘Community forest and mushrooms: Collective action initiatives in rural areas of Galicia’, e asinado por Damián Copena, David Pérez Neira, Alfredo Macías Vazquez e Xavier Simón, está publicado na revista Forest Policy and Economics.

Na categoría correspondente ás teses de doutoramento, dotada con 1.000 euros de premio, o certame distinguiu o traballo de Bruno Blanco Varela, titulado ‘Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia: o camiño dende a escola até a inserción laboral’. Esta tese, defendida na USC e dirixida polos profesores María del Carmen Sánchez Carreira e Paulo Jorge Reis Mourão, permite un maior coñecemento da vulnerabilidade socioeconómica en Galicia e das súas implicacións para os ámbitos educativo e laboral, alén de incidir nas políticas aplicadas neste eido e os seus efectos.

Presido polo reitor da USC, o tribunal motivou as súas decisións, tomadas por unanimidade, na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. A relación completa de investigacións premiadas en anteriores edicións está dispoñible na web do IDEGA. 

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2022-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES