
Ata o 15 de marzo permanecerá aberto o prazo para o envío de curtametraxes, que un ano máis deberá realizarse a través da plataforma Shortfilmdepot cunha taxa de inscrición de 2. Poderán presentarse traballos de calquera xénero estreados a partir do 1 de xaneiro de 2022, cunha duración que non supere os 30 minutos. En xuño daranse a coñecer as obras seleccionadas, que optarán a máis de 5.500 euros en premios tendo tamén en conta os destinados a centros educativos galegos, para os que se lanzará unha convocatoria específica previsiblemente no mes de maio.
Todos os traballos presentados competirán por entrar nas seccións: Oficial, España, Galicia, Descubertas e Escolas Internacionais, conformando grande parte da programación de proxeccións do e o palmarés do FICBUEU 2023. En paralelo haberá tamén outros cinco apartados non competitivos: Retrospectiva, Curtas en familia, Cativa, Infantil, Xuvenil. Ademais, as e os asistentes votarán in situ para o aclamado Premio do Público.
O obxectivo do Festival Internacional de Cinema de Bueu é contribuír á difusión cinematográfica, non só coa promoción das mellores curtamertaxes realizadas no último ano no ámbito internacional senón tamén levando a cabo actividades relacionadas co cinema máis aló do evento.
Actualmente a organización está a traballar na configuración dun programa que continúa na liña establecida o ano pasado e que incluirá múltiples actividades de carácter cinematográfico e cultural. A isto engádense diferentes eventos e as accións da Área Social do FICBUEU, que xa comezarán en breve con diferentes colectivos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.