Notas de prensa

A Universidade da Coruña e outras oito universidades europeas constitúen o consorcio estratéxico EMERGE

Nove universidades europeas, entre elas a Universidade da Coruña, uníronse na alianza estratéxica EMERGE (European Margins Engaging for Regional and Global Empowerment), que sitúa á UDC nun nivel superior de calidade europea. O reitor, Julio Abalde, subscribiu o acordo de creación desta alianza nunha reunión organizada en días pasados na University of Limerick.

Asistiron ademais a esta reunión a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, e a Adxunta de Proxección Internacional e Política Lingüística, Begoña Crespo. Nesta xuntanza reitores das nove universidades asinaron a declaración de principios sobre os que se articula o consorcio. 

Esta alianza de universidades europeas está formada por Université de Rennes2 (Francia), Université de Bretagne Sud (Francia), University of Limerick (Irlanda), Democritus University of Thrace (Grecia), Europa-Universität Flensburg (Alemaña), Innland Norway University of Applied Sciences (Noruega), Univerzita Mateja Bela (Eslovaquia), Neapolis University Pafos (Chipre) e a Universidade da Coruña, todas elas situadas en rexións periféricas de Europa.

A través de EMERGE, o consorcio fortalécese para poñer en marcha proxectos bilaterais e multilaterais, así como concorrerá conxuntamente a convocatorias de financiamento europeas. A xuntanza na University of Limerick, que tivo lugar a mediados deste mes, foi a primeira reunión persoal dos líderes dunhas universidades que contan conxuntamente con máis de 110.000 estudantes, e á cerimonia de compromiso seguiron tres intensos días de traballo para desenvolver e planificar a estratexia a longo prazo do Consorcio EMERGE.

Aínda que cada universidade ten diferentes culturas, idiomas e programas educativos, o consorcio ten como obxectivo construír unha estratexia conxunta a longo prazo coa finalidade de crear un cambio sistémico, estrutural e sustentable na forma en que operan e cooperar en beneficio das súas comunidades e partes interesadas.

O obxectivo fundamental é aumentar a inclusión e o compromiso deses territorios da periferia de Europa cos valores europeos e visibilizar a aportación das institucións de ensino superior destas rexións coa contorna socio-económica para contribuír ao seu desenvolvemento, formar unha cidadanía europea e xerar unha mellor calidade de vida. Subxace baixo este propósito a creación dun modelo de excelencia no ensino, a aprendizaxe e a investigación no que participarán como actores principais o alumnado, o persoal e a comunidade en xeral. Un ensino innovador, colaborativo, interactivo, baseado en retos, unha aprendizaxe plurilingüe que aumente a empregabilidade dos egresados, unha capacitación en habilidades brandas e a concienciación da importancia dos valores interculturais na comunicación entre comunidades de falantes diversas, son algúns dos pilares de EMERGE. A integración nun sentido amplo, a aceptación da diversidade e a inclusión das minorías constitúen tamén principios básicos e transversais dentro da alianza. A investigación en aberto, a creación de espazos de traballo colaborativo que impliquen a todas as partes interesadas desde o estudantado ata os profesionais e posibles empregadores, constitúe a base fundamental da colaboración universidade-empresa e das actividades de emprendemento que o consorcio ten intención de desenvolver. 

No plano da formación destaca a posta en marcha das microcredenciais, e a estruturación do coñecemento e as habilidades adquiridas polo alumnado ao longo da súa vida que se recoñecerá a través de ferramentas como o pasaporte das linguas ou o Europass. 

Colaboración, cooperación, respecto, integración, inclusión, ciencia en aberto, compromiso coa comunidade son trazos distintivos dun grupo de universidades localizadas nas marxes de Europa que dedicará os seus esforzos a cohesionar territorios e comunidades a través do coñecemento.

Universidade da Coruña, 2022-12-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES