Notas de prensa

Fronte á obsolescencia programada, un proxecto explora como facer sostible o dereito a reparar

As implicacións ambientais e os prexuízos para o consumidor que supón que os electrodomésticos ou os dispositivos electrónicos sexan deseñados para que ter unha curta vida útil motivaron nos últimos anos medidas como a normativa europea que obriga ás empresas a garantir a reparación dos seus produtos por un prazo de dez anos.

Medidas como esta insírense na loita contra a obsolescencia programada e no impulso do chamado “dereito a reparar”, un concepto ao que se asocian visións diversas ou mesmo enfrontadas e que é entendido desde como unha oportunidade para democratizar o acceso á tecnoloxía ata como unha nova fonte de ingresos para as empresas fabricantes. Analizar os imaxinarios que rodean este concepto constitúe o propósito central do proxecto que o investigador do Post-Growth Innovation Lab Javier Lloveras desenvolve como beneficiario dunha axuda Marie Sklodowska-Curie, do programa Horizonte Europa. Baixo o título de R2R4postgrowth (Right to repair for a post-growth society: Controversies, opportunities and challenges), este proxecto porá o foco na análise dos diferentes “imaxinarios sociotécnicos” en torno a este dereito a reparar, coa idea de coñecer en que medida as “visións críticas” procedentes dos movementos sociais son compatibles, explica, “coa transición cara unha sociedade poscrecemento”, non baseada nun crecemento económico continuo. 

Doutor en marketing pola Manchester Metropolitan University, Lloveras incorporábase o pasado ano ao grupo de investigación impulsado en Pontevedra por Mario Pansera ao abeiro dunha axuda Starting Grant, do Consello Europeo de Investigación (ERC). No marco dun grupo que centra precisamente o seu labor investigador na idea do poscrecemento, Lloveras desenvolverá ao longo dos próximos dous anos este proxecto de investigación, financiado con preto de 180.000 euros nunha convocatoria comunitaria da que destaca a “independencia” que outorga á hora de “investigar temas complexos, nos que pode haber moitos intereses en xogo”. 

Un dereito con visións confrontadas

“Non se pode falar do dereito a reparar sen falar primeiro da obsolescencia programada, de produtos que están deseñados de tal forma que teñan unha vida máis curta, xa sexan porque pasan de moda, porque fallan ou porque son difíciles de reparar”, salienta Lloveras. Nese senso, o punto de partida desta investigación é unha práctica que foi xeneralizándose ao longo da segunda metade do século XX e que abrangue desde limitacións á hora de reparar determinados produtos ata unha “obsolescencia psicolóxica”, ligada á aparición de novos modelos que “fan o anterior obsoleto na mente do consumidor”. Fronte a esta problemática, o “control do mercado dos recambios” ou o uso de determinados “softwares propietarios de activación ou calibración” que impiden reparar de forma independente múltiples produtos, a comezos deste século comezaron a xurdir nos Estados Unidos colectivos que defendían “que a xente ten dereito a reparar as súas cousas”, lembra Lloveras.

Posteriormente, “o que comeza como un movemento cidadán, comeza a traducirse nalgunhas políticas”, como a normativa aprobada en 2020 pola Unión Europea, enmarcada “na estratexia da economía circular coa que a UE busca implantar unha nova cultura de produción e consumo baseada na innovación e no crecemento verde”. Non obstante, Lloveras pon o foco en que tras estas políticas institucionais atópase un “imaxinario bastante tecnocrático”, que avoga por “ser máis eficientes no uso da enerxía e dos recursos”, pero que deixa fóra de análise cuestións “como quen pode reparar e quen se beneficia do dereito a reparar”. Fronte a isto, as visións dos “activistas das tecnoloxías” implican ir máis aló da crítica á obsolescencia programada e formulan “cambios radicais, porque ven a reparación como un xeito de politizar a nosa relación coa tecnoloxía”. De aí que o punto de partida de R2R4posgrowth sexa o de que “detrás do dereito a reparar hai unha confrontación de imaxinarios”. 

Cuestións que quedan fóra das visións críticas

Con esa confrontación como punto de partida, a investigación de Lloveras comprende unha análise cualitativa, con varios niveis, destes “imaxinarios sociotécnicos”, un conxunto de “ideas, discursos e narrativas sobre a relación que temos que ter coa tecnoloxía, que non son explícitas, pero que son o que impulsa as nosas demandas e lles dá sentido”. O estudo comezaría nese senso pola análise das políticas, para logo deterse nos movementos sociais e realizar, finalmente, “unha análise desas visións confrontadas desde a perspectiva das teorías do decrecemento e poscrecemento”. 

Neste punto, pon de relevo que as propias visións críticas ao enfoque máis tecnocrático “tampouco son unitarias”. En termos xerais, lembra, “falan de quitarlle poder ás grandes corporacións para darllo á xente” e de permitir o traballo de reparadores independentes, mais non sempre teñen en conta cuestións de xénero ou como “as estruturas sociais que xeran enormes desigualdades” poden reproducirse tamén no sector das reparacións. Do mesmo xeito, tamén pode quedar fóra destas visións o perigo do que este dereito a reparar se entenda exclusivamente como un “dereito do consumidor” que xere un “efecto rebote”, polo que os cartos aforrados coa reparación se destinen a novas adquisicións. Deste xeito, sinala Lloveras, estaría contribuíndo a manter “un sistema insostible” e non resolvería “o problema de fondo, que é que non podemos manter un crecemento económico ilimitado nun mundo no que os recursos e as posibilidades ambientais do planeta son cada vez máis limitadas”.

O seu propósito nese senso é tratar de discernir “de entre todas estas ideas”, cales permitirían “dar ese paso máis” e formular o dereito a reparar “como un elemento na transición a unha sociedade que non depende do crecemento económico”, conclúe este investigador, que incide na necesidade de “pensar para que usamos a tecnoloxía e que cousas merecen repararse e cales non”. 

Universidade de Vigo, 2022-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES