
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu en rolda de prensa xunto á alcaldesa da cidade, Inés Rey, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia, Jorge Algora, para confirmar que a Deputación vén de obter financiamento europeo para executar un ambicioso proxecto no que leva traballando dende hai tempo e que suporá a construción do maior estudo virtual de produción audiovisual de Galicia e un dos maiores de España, con tecnoloxía avanzada.
Trátase dun proxecto pioneiro, unha gran aposta pola innovación que converterá a Galicia nunha referencia do sector audiovisual a nivel estatal e europeo grazas a un investimento de 6,7 millóns de euros, explicou o presidente, que detallou que 5M estarán financiados con fondos Next Generation e 1,7M con fondos propios da Deputación da Coruña. Os fondos europeos para este proxecto foron tramitados a través do centro NEXT da Deputación no Concello da Capela.
Formoso incidiu en que o proxecto suporá un posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan España, Hub audiovisual de Europa, dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025 e destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais. Situamos a Galicia como un territorio idóneo e competitivo para a localización de rodaxes, producións e posproducións, afirmou.
Valentín González Formoso subliñou a importancia do sector audiovisual galego, que representa hoxe o 28% do total da industria cultural, xera máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros e agrupa a 707 empresas na comunidade, o 76% delas na provincia da Coruña. Galicia está hoxe á vangarda na produción de produtos audiovisuais de calidade a nivel nacional e conta con empresas líderes na industria do cine, as series, a televisión ou a animación, pero ten aínda un gran potencial de crecemento que queremos axudar a desenvolver completamente nos vindeiros anos con este proxecto, afirmou.
A ubicación elixida para este novo e pioneiro espazo especializado en produción audiovisual virtual é a Cidade das TIC da Coruña, co obxectivo de crear sinerxías co sector tecnolóxico, xa que alí poderase atopar boa parte do talento dixital que innegablemente vai necesitar o sector audiovisual nun futuro moi próximo, explicou Formoso, que agradeceu a colaboración da UDC, o Concello da Coruña, o Clúster Audiovisual galego (26 empresas audiovisuais apoiaron o proxecto) e o Clúster TIC. Demóstrase unha vez máis que a colaboración das diferentes administracións é clave para sacar adiante os grandes proxectos de país, subliñou o presidente.
A alcaldesa sinalou que cultura e tecnoloxía están dentro do noso modelo de cidade. Este proxecto, manifestou Inés Rey, consolida a Cidade das TIC e consolida á Coruña como un polo de referencia no sector tecnolóxico. Para o reitor, este proxecto no que se integra tecnoloxía e medios audiovisuais está vinculado co que quere ser a Universidade da Coruña lembrando que nos campus coruñeses e ferrolán se poden cursar varios graos relacionados coa dixitalización que contribuirán a que o alumnado da UDC poida desenvolver o seu futuro labor profesional en contornas dixitalizadas.
Pola súa banda, o delegado do Goberno apuntou que neste proxecto hai un investimento importante que supón un apoio ao sector audiovisual. Finalmente, o presidente do Clúster Audiovisual apuntou que a tecnoloxía que se instalará nas novas instalacións permitirá rodar producións como as de A guerra das Galaxias o que fará máis competitivo o sector audiovisual galego.
A previsión é que se licite o proxecto de obra no primeiro trimestre de 2023 e que a nave estea construída a finais do próximo ano.
Ao acto de presentación acudiron responsables de diversas empresas produtoras de audiovisual de Galicia.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.