
DIHGIGAL é o conector entre as empresas que demandan tecnoloxía para a súa dixitalización e innovación empresarial e as universidades e centros de investigación que ofertan ese coñecemento especializado. Este hub é, como definiu o reitor, o departamento de solucións do sector empresarial. Neste sentido, o Nodo de IA será o provedor de solucións en temas de Intelixencia Artificial para as empresas, pequenas e grandes, de Galicia, ademais de xogar un papel de dinamización e sensibilización en aspectos de IA na sociedade galega. O Nodo de IA, coordinado polo profesor da UDC, Marcos Ortega, é unha forma máis, segundo explicou Abalde, de como se entende a transferencia de coñecemento na UDC. Non é investigar e desenvolver unha patente e despois ver como se aplica na industria, senón coxenerar coñecemento conxuntamente entre a Universidade e as empresas. O reitor puxo como exemplo desta filosofía a recente creación do Centro Mixto de Investigación UDC- Navantia para desenvolver o estaleiro 5.0. Finalmente agradeceu a DIHGIGAL a creación deste Nodo de IA, e a súa coordinación pola UDC, cando todo apunta a que Galicia está en condicións de dar un salto cualitativo e ten que haber un centro que o coordine. O sector TIC está moito máis desenvolvido en Galicia que noutras comunidades autónomas, rematou.
Para o director de DIHGIGAL, a UDC é unha das principais entidades de Europa en materia de Intelixencia Artificial. Yáñez asegurou que Galicia ten un potencial tecnolóxico suficiente para ser un referente europeo en IA. O papel do hub que dirixe é dinamizar un sector xa de por si moi activo. Nos últimos meses, apuntou, a súa entidade contribuíu na dixitalización de máis de cen empresas, mobilizando máis de vinte millóns de euros.
Norberto Penedo, pola súa banda, declarou que a posta en marcha do Nodo en IA é un punto de inflexión e avanzou que a misión de DIHGIGAL é necesaria para a innovación e dixitalización de Galicia. Óscar González afirmou que este Nodo nace con fortalezas. Ademais das universidades e outros centros de coñecemento, ten empresas e infraestruturas como a Cidade das TIC que vai potenciar este Nodo, e persoal altamente cualificado, dixo. González apuntou o dato de que o 10% das pequenas e medianas empresas, pemes, xa utiliza algún tipo de solución baseada en Intelixencia Artificial, o que sitúa á Galicia como a quinta comunidade de España, por diante de País Vasco ou Andalucía. Sabela Pardo incidiu tamén na importancia da IA non só para o futuro senón para o presente e aproveitou para felicitar á Universidade da Coruña pola proposta da cidade para acoller a sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial.
Nodo de IA de DIHGIGAL
No acto desta mañá, o coordinador do Nodo IA de DIHGIGAL, o profesor da UDC Marcos Ortega, e a xerenta de DIHGIGAL, María Eugenia Mijares, xunto con Óscar González, presentaron algunhas das liñas de traballo do Nodo.
Entre as principais liñas de actuación que serán responsabilidade do nodo destacan as de visibilizar e dar soporte aos proxectos en curso relacionados coa Intelixencia Artificial así como a busca de novas oportunidades de financiamento para proxectos innovadores coa tecnoloxía como eixo transversal. Todo isto partindo das necesidades da industria e garantindo a materialización deses proxectos en avances na súa transformación dixital e nun aumento da competitividade das empresas a nivel global.
DIHGIGAL
DIHGIGAL naceu en 2019 como hub da industria de Galicia, aglutinando aos principais representantes de demanda e oferta tecnolóxica (máis de 400 entidades, maioritariamente pemes, máis de 20.000M de facturación e máis de 50.000 empregos directos). Ademais de pola súa alta representatividade, o seu rol no impulso da transformación dixital da industria vén avalado polo seu recoñecemento como hub estratéxico pola Xunta de Galicia (2019), o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo (2021) e a Comisión Europea (2022). A isto hai que engadir unha ampla rede de contactos internacionais entre os que destaca a súa pertenza ás principais redes europeas de datos (European Data Federation e Big Data Value Association) e de manufactura (EDIH-Manufacturing).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.