
Á firma do acordo asistiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, e a Subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Maru Tallón.
Mediante este acordo, a Xunta aportará 950.000 euros para dar comezo á creación do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente, Ci3, que a Universidade da Coruña construirá ao lado do Campus de Ferrol.
Trátase dun edificio de nova construción de 14.771 metros cadrados, con nove niveis divididos en dous sotos, seis plantas e un entrechán situado nunha parcela de 1.455 metros cadrados na Avenida de Esteiro. O proxecto está xa adiantado pois xa se dispón dun anteproxecto de necesidades que establece que o edificio contará con espazos xerais, área de laboratorios e áreas técnicas.
Nos espazos xerais haberá área administrativa, un auditorio e diversas salas ademais dun museo científico interactivo, espazos rent out, que se usarán a modo de coworking para profesionais e empresas relacionadas coa tecnoloxía e a innovación, e un módulo para formación especializada en industria intelixente e minis-labs.
Neste edificio desenvolveranse as liñas de investigación do Campus Industrial de Ferrol, concretadas en seis, a robótica industrial, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e deseño e desenvolvemento de produto.
O proceso que hoxe se inicia continuará de forma inminente coa licitación do proxecto. A previsión é que a elaboración do proxecto leve un ano e que, despois, buscando unha vía de financiamento coa Xunta se saque a concurso a construción dun edificio que podería estar realizado a finais do ano 2025.
Para o reitor, a firma deste convenio é un paso moi importante dentro do proxecto de desenvolvemento do Campus de Ferrol iniciado en 2016. Con este acordo iníciase o proceso de creación dun novo edificio de investigación ao servizo do sector produtivo e do desenvolvemento de Ferrol e comarcas, engadiu Abalde.
Este centro está configurado como unha infraestrutura singular no eido da enxeñaría industrial e naval, asegurou o conselleiro Román Rodríguez, que subliñou que isto suporá crear un polo de innovación de fabricación aditiva da industria 4.0. Deste xeito, nel poderán implementarse proxectos estratéxicos e tractores no eido da enxeñaría, a innovación e o deseño.
O conselleiro destacou o salto cualitativo e cuantitativo do Campus de Ferrol realizado nos últimos anos que comezou coa especialización como Campus Industrial, o primeiro campus acreditado en Galicia, e que continuou coa implantación de novas titulacións e a reformulación doutras, ademais doutras melloras que fixo que o alumnado do Campus de Ferrol pasase de 2.000 a 3.000 alumnos en cinco anos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.