Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño formula en 'El horizonte europeo' unha alegación europeísta a prol dunha UE unida

Socialdemocracia, Estado Nación, Unión Europea e federalismo constitúen os catro conceptos chave arredor dos cales reflexiona Emilio Pérez Touriño na súa obra El horizonte europeo, presentada este luns no Centro de Estudos Avanzados da USC. O reitor Antonio López e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Luis Blanco Valdés, acompañaron a Pérez Touriño no acto.

“Trátase de reflexións profundas sobre a conexión do papel de Europa e a socialdemocracia nunha situación complexa como a actual”, apuntou Antonio López na presentación da obra. O reitor louvou a traxectoria de Pérez Touriño tanto dende unha perspectiva académica, como de xestión e política. Na mesma liña, pronunciouse Juan Blanco, alén de destacar como a obra “interpreta un escenario que non nos podiamos imaxinar nos últimos anos”.

A pandemia provocada pola COVID-19 abriu un tempo novo, tal e como relata este ensaio de USC Editora, que podería supoñer unha mudanza do capitalismo, co retorno do Estado e o decisivo papel das políticas públicas cara a un sistema máis sostible e inclusivo, sustentado por un novo contrato social entre os gobernos, as empresas e os traballadores, no contexto dunha sociedade civil máis vigorosa. “Vivimos unha época que pode supoñer a necesidade e, aínda, a oportunidade para unha socialdemocracia renovada nas súas formas, nas súas políticas, e no diálogo coas outras forzas e movementos progresistas, sobre a base indispensable dunha Unión Europea que progrese na súa federalización”, explica na obra Emilio Pérez Touriño.

El horizonte europeo non é un libro de memorias senón unha reflexión fundamentada na ampla experiencia política do seu autor. A obra é “unha alegación europeísta a prol dunha UE unida”, moito máis nun mundo “polarizado” como o actual. De feito, o “horizonte” ao que se fai referencia apunta cara a “unha Europa unida e en paz, como primeiro proceso de creación dunha democracia supranacional entre pobos que secularmente se enfrontaron, en terribles conflitos bélicos, pola hexemonía no continente”, apunta no texto o que fora profesor da USC e presidente da Xunta de Galicia.

O estado do benestar centra o primeiro dos capítulos para logo avanzar en dirección á crise do paradigma da socialdemocracia, a gran recesión de 2008 e a quebra do modelo neoliberal, a debilidade socialdemócrata, a ineludible aposta europea, o mercado do traballo e o sistema de pensións cono chanzos febles do estado do benestar, e a centralidade do estado e a resposta europea á pandemia. Para rematar, o autor afonda nunha nova época a través dunha pregunta: a socialdemocracia revisada?

Ucraína

Nove meses despois de rematar os oito capítulos nos que se estrutura a obra, a guerra de Ucraína mudou a situación económica e provocou “un punto de inflexión histórica na orde xeopolítica global”, afirma Pérez Touriño. Este acontecemento motivou que o autor engadise un capítulo específico no que, a modo de colofón, aborda o rol da UE neste novo contexto internacional.

“Alén dos debates ideolóxicos e dos titulares de prensa, fronte aos desafíos que implica a guerra de Ucraína, e con máis razón na medida en que a invasión rusa se alongue no tempo, os europeos necesitamos dun gran plan económico con obxectivos a medio e longo prazo sustentado nunha resposta fiscal común”, engade o ex presidente Touriño.

“Avanzar na federalización da UE dende o principio de subsidariedade, construír unha Europa máis capaz, máis forte en termos políticos e económicos, asumindo a riqueza histórica, a enerxía e as capacidades dos estados nacionais que a compoñen, xunto coa súa diversidade e complexidade cultural e política, é unha senda que cabe recorrer para poder chegar a dar respostas, dende Europa, aos retos sociais e económicos desta nova época”, conclúe Pérez Touriño.

Traxectoria

Pérez Touriño foi profesor titular da USC, institución na que tamén ocupou o cargo de vicerreitor de Asuntos Económicos, e presidente da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009. En 1983, obtivo o Premio Nacional de Publicacións Agrarias. É autor de numerosas obras, entre as que destaca, Crise global e crise política. Unha ollada dende Galicia (2014). Touriño aproveitou a presentación da obra para dar as grazas á USC polo seu “compromiso coa cultura, a creación de ideas e o debate máis alá das aulas”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2022-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES