Notas de prensa

Un coloquio e un documental para pór o foco nas violencias que as mulleres enfrontan cada día na rúa

'Un filme en tres actos que son tamén tres conversas entrelazadas e interxeracionais entre distintas mulleres que contan as súas experiencias de amizade, de medo, de resistencia, no espazo público'. Preséntase así 'Tódalas mulleres que coñezo', un documental da realizadora Xiana do Teixeiro que se proxectará o vindeiro luns na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo.

Trátase dunha actividade que ten como obxectivo promover unha reflexión respecto dos diferentes tipos de violencias ás que se enfrontan cada día as mulleres no espazo público. Promovida polas profesoras Amada Traba e Sara Torres e patrocinada pola facultade e pola Unidade de Igualdade da UVigo, trátase dunha actividade aberta ao público, programada para as 16.00 horas, e na que a proxección deste filme estreado en 2018 verase complementada cun coloquio coa súa creadora.

Premiado en festivais como Documenta Madrid, Primavera do Cine de Vigo, Alcances de Cádiz ou no Mufest, Tódalas mulleres que coñezo mostra unha conversa de cinco amigas sobre a súa vida cotiá e en como nesta está presente o medo a posibles agresións ou ameazas na rúa. Esta conversa dá pé a súa vez a unha segunda, na que colaboradoras do filme e a propia directora reflexionan sobre o sinalado na primeira, como logo fan tamén, nun terceiro coloquio, un grupo de vinte estudantes de secundaria. Deste xeito, esta reflexión colectiva permite pór o foco en “como construímos culturalmente esa violencia, como a damos por válida ou como nin sequera a identificamos”, como sinala Amada Traba. Nese senso, un dos propósitos desta actividade, sinala, é promover no alumnado “un espírito crítico respecto da desigualdade entre homes e mulleres, no que atinxe á violencia sexual” e, máis en concreto, unha reflexión sobre como “a cultura de violación se emprega para subordinar ás mulleres e amedrentalas respecto do emprego igualitario do espazo público en calquera hora do día”. Nese senso, aínda que se trata dunha actividade aberta a toda a cidadanía, Traba busca tamén que esta iniciativa complemente á formación sobre educación con perspectiva de xénero que imparte ao alumnado da facultade, no marco da materia Socioloxía da educación.

O cine como espello

“No filme partimos de experiencias persoais, vivencias e emocións que cambian e adquiren un carácter colectivo a través da súa posta en común”, sinala Xiana do Teixeiro dun documental que nestes anos presentou en máis dun centenar de festivais, congresos ou seminarios, así como en aulas de diferentes niveis do ensino. Nese senso, a cineasta pon de relevo que o máis interesante de actividades coma a do vindeiro luns dáse “cando remata a proxección e se abre ese espazo de diálogo” a partir dun filme “que non busca concluír, senon problematizar” Non en van, o punto de partida de Tódalas mulleres que coñezo son situacións e experiencias “que temos interiorizado como cuestións que atenden máis ao persoal”, pero que realmente responden a un problema estrutural, lembra. Nese senso, a impulsora da produtora Walkie Talkie Films pon de relevo que o punto de partida deste documental foi a “gran contradición que algunha autora chama a fraude da igualdade”, o feito de que as mulleres sexan “educadas coas palabras de dereitos e liberdades”, para logo vivir no seu día a día unha serie de “limitacións” marcadas por violencias simbólicas, que fan que se perciban responsables do que lles poida acontecer na rúa en determinadas circunstancias.

Nese senso, Teixeiro recalca o valor do cinema non só como “fiestra” que permite observar unha determinada realidade, “senón como espello no que nos vemos reflectidas”, á vez que pon o foco no interesante de que o seu documental sexa levado a espazos como a facultade na que se forman futuras e futuros docentes, xa que o seu punto de partida era a pregunta de “como podemos facer un filme que non sexa violento pero no que nos enfrontamos a realidades que si o son, o que é moi relevante desde a perspectiva da educación”.

Universidade de Vigo, 2022-11-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES