
Ademais, xa en quenda de tarde, o poeta sirio e reiterado candidato ao Premio Nobel de Literatura participa nun recital dedicado á súa obra no Salón Nobre de Fonseca.
Adonis
O poeta Adonis é un dos principais autores en árabe na actualidade. Naceu e formouse en Siria, pero viviu moito tempo no Líbano, ata que finalmente se exiliou en París. Alí exerceu como delegado da Liga Árabe na UNESCO e como profesor de literatura árabe na Sorbona, pero tamén exerceu a docencia como profesor e investigador visitante en Xenebra, Princeton e Berlín. En 2012, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña, en Rennes, coincidindo co mesmo nomeamento do escritor galego Claudio Rodríguez Fer, con que mantén amizade e colaboración literaria dende entón.
Moi novo adoptou o seu pseudónimo pagán, Adonis, nome do vello mito de orixe sumeria, babilonia e fenicia adoptado polos gregos que o liberou das ataduras relixiosas do seu nome familiar. Segundo Claudio Rodríguez Fer, "Adonis modernizou a poesía árabe e mundial cun experimentalismo aberto que combina o verso libre co poema en prosa, a composición brevísima co poema torrencialmente extenso, a estrutura dramática con diálogos imposibles, por exemplo con Lincoln ou con Whitman. Ademais, Adonis achegouse deliberadamente á poesía máis visionaria de Federico García Lorca, con cuxo Poeta en Nueva York dialogou na obra expresionista Epitafio para Nova York, moi crítica co capitalismo salvaxe e co imperialismo norteamericano".
Valente
José Ángel Valente, nacido en Ourense en 1929 e falecido en Xenebra en 2000, está considerado como un dos escritores máis importantes das letras hispánicas do século XX, e tamén un dos intelectuais máis europeos da mesma época por vivencia biográfica, por vocación ideolóxica e por asimilación cultural. Así o reflicte a súa obra creativa, tanto poética como narrativa, e a súa lúcida reflexión intelectual a través do seu ensaio ou da súa propia metaliteratura, expresión sempre dunha verdadeira vangarda integral e dunha esixente conciencia crítica no ético e no estético, explican dende a Cátedra Valente da USC.
Esta cátedra institucional creouse tras a doazón feita polo poeta galego á Universidade de Santiago de Compostela do seu arquivo e biblioteca persoais. En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia, catalogación e estudo do importante material doado, así como a organización de actos e a publicación de obras relacionadas co legado recibido. Non obstante, a actuación da Cátedra, denominada de Poesía e Estética por desexo do propio escritor, está aberta ás múltiples conexións interdisciplinarias e interartísticas que a obra de Valente establece coa poesía e coa estética en xeral.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.