Notas de prensa

A vixésimo cuarta edición do ForoAcui afondará no futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia

O Foro dos Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) celebrará os días 6 e 7 do vindeiro mes de outubro, no Auditorio Municipal de O Grove, a súa vixésimo cuarta edición asentado como espazo de referencia para comunicar e debater a realidade e as perspectivas de futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia.

Fieis a súa filosofía orixinal e co fin de achegar o mellor rendemento ás distintas conferencias e relatorios previstos, o programa deseñado reunirá persoal investigador, representantes dos sectores económicos e a administración na procura dun diálogo apegado á realidade e circunstancias da xestión dos recursos do mar e a acuicultura.

As intervencións e debates previstas, que poderán ser seguidas de xeito presencial e en liña polas persoas inscritas, están articuladas arredor de seis mesas de traballo nas que se atenderán outros tantos bloques temáticos. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) será o tema protagonista da primeira das mesas, á que precederá a conferencia inaugural que pronunciará o director do propio CIMA, Carlos Gabín Sánchez, co título ‘A viaxe dende o parque experimental de ostricultura (1965) ata o Centro de Investigacións Mariñas’. A continuación o debate xirará cara ao marisqueo e a pesca de baixura, da man de persoal investigador que porá o acento en cuestións relacionadas cos efectos das vagas de calor e o descenso da salinidade no marisqueo a pé ou novas aproximacións e ferramentas para o marisqueo e a acuicultura sustentables.

Nas mesas dedicadas á Acuicultura e a Empresas e Recursos daranse cita representantes do mundo da investigación e do sector empresarial como Stolt Sea Farm, Skretting, Ovapiscis e Air Liquide, para analizar novas tendencias na mellora da produción acuícola, as tecnoloxías para o emprego de gases na acuicultura industrial, o uso de pensos sostibles, o subministro de ovas embrionadas producidas en Galicia para o sector da troita en España, ou mesmo exemplos internacionais como o de Chile onde se amosará como é posible xerar iniciativas emprendedoras partindo da pesca artesanal.

A primeira sesión do encontro, o día 6 de outubro, rematará coa celebración do XXXIV Ciclo Cultivando o mar, ás 20.00 horas, na carpa institucional da Festa do Marisco do Grove. Este evento, aberto a todo o público, explora os vínculos entre a temática mariñeira e as redes sociais coas intervencións de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e divulgador en Twitter e Instagram; Patricia Bea Dopazo, xornalista e divulgadora en TikTok; e Rocío Garrido Caramés, cociñeira, empresaria e blogueira.

A xornada do venres 7 estará dedicada na súa totalidade ás ‘Ameazas e retos da acuicultura’ a través de dúas mesas de traballo nas que se abordarán cuestións da máxima actualidade, como o benestar dos peixes, a sustentabilidade da acuicultura, así como a súa importancia nas dietas saudables, ou na produción de proteína mariña, entre outros aspectos.

Como evento de difusión científica, de longa e consolidada traxectoria, resulta de especial importancia a presentación de comunicacións en formato póster que estarán expostas ao longo das dúas xornadas, para que as persoas asistentes poidan consultalas e mesmo debater os seus contidos coas persoas autoras presentes no certame. Tamén se poderán recibir comunicacións en formato audiovisual que serán expostas en pantallas na zona de exhibición de pósteres e comunicacións. A entrega de premios ás mellores comunicacións audiovisuais e pósteres será o acto final antes da clausura do XXIV ForoAcui.

O ForoAcui é un evento organizado pola Asociación Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, que ten como vocación analizar e promover os recursos mariños e a acuicultura a nivel mundial. Dende 1997, é un referente internacional na análise do estado da industria acuícola e pesqueira a través de diferentes perspectivas como a explotación, a sustentabilidade, o benestar animal, a seguridade alimentaria e a proxección no futuro.

Como todos os anos, terá lugar, antes do inicio da presente edición, a presentación oficial do Libro de Actas da edición anterior, que como ven sendo habitual inclúe todos os relatorios, as comunicacións científicas ‘in extenso’ e os pósteres presentados nesa edición.

Ademais da USC, o foro conta co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, así como co patrocinio de JJChicolino e a colaboración doutras empresas do sector da acuicultura en Galicia.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-09-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES