Notas de prensa

39 empresas participarán nunha nova edición do Pont-Up Store en Pontevedra

Coa selección de 39 empresas comezou a conta atrás para a celebración da novena edición do Pont-Up-Store, que se desenvolverá o 23 e 24 de setembro en Pontevedra. O comité organizador desta iniciativa, promovida polo Grupo G4 Plus da Universidade de Vigo, liderada polo Campus CREA, escolleu entre 150 candidaturas recibidas a 39 startups galegas, que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas.

Con respecto á procedencia da empresas, o rural galego continúa emerxendo con forza e supera lixeiramente ao emprendemento nas cidades, mentres que por xénero, son as mulleres as que máis emprenden e dentro das fórmulas xurídicas escollidas polos emprendementos galegos, cotiza á alza a economía social.

Entre as liñas de negocio con compromiso ambiental destaca Airco2, que se dedica a eliminar a pegada de carbono nas empresas con monte de cercanía ao tempo que permite gañar un diñeiro coa xestión das árbores. Trátase da primeira Green Fintech española que permite descarbonizar grazas a un marketplace que dá acceso a empresas e propietarios forestais. No ámbito das enxeñarías, Beniu Soluciones SL centra os seus servizos en atender as necesidades do rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drones. A mobilidade eficiente volve ter o seu espazo coa proposta de 2ebike, que presentará un vehículo con múltiples aplicacións, tanto para paquetería como para persoas.

Así mesmo, co sector dos videoxogos en plena expansión en Galicia, a empresa Digital Monster dará a coñecer en Pontevedra a súa produción de videoxogos galegos e tamén servizos de outsourcing para outras empresas, realizando traballos de arte, animacións, deseño de contornas, ou advergame. En canto ao coidado persoal e das mascotas, Supermenta chega cunha liña de produtos especializados feitos a base de cannabis; e Yowup innova cun iogur para gatos e cans. O sector do téxtil volve contar con varias iniciativas, como Iniqual, que lanza unha marca de xénero non binario especializada en roupa de confort; e Mexas, que presentará zapatos de coiro 100% feitos a man en México con tinturas vexetais. Por último, o sector da alimentación está repesentado por novos negocios que xorden para cubrir ocos que aínda contan con pouca oferta e que poñen en valor a tradición gastronómica galega. Neste caso Vioncas Bake chega cunha liña de empanadillas Gourmet artesás, que se venden a toda España e Portugal.

Actividades demostrativas na carpa

Dentro da carpa da Praza de España programaranse demostracións dalgunhas das empresas participantes. É o caso de Bágoas Fóra, unha empresa de fabricación de material didáctico e xogos educativos que propón un obradoiro para que as crianzas entre 4 e 12 anos creen un “portalapis de madeira". A empresa especializada en obradoiros creativos Matinée Club Creative, ensinará a crear un obxecto decorativo utilizando eco-resina e Casperlota Atelier - artesanía de Galicia, amosará como elaborar unha boneca en la de ovella con técnicas de impresión botánica.

Pola súa banda, a empresa de produtos para mascotas DairYPet, organizará unha demostración de Agility coa colaboración do equipo de Diverticans no que poderán participar todas as persoas que asistan o evento cos seus cans e cadelas, traballando de forma conxunta para demostrar as súas habilidades nun percorrido onde terán que saltar vallas, introducirse por túneles ou realizar un slálom entre conos. As mascotas gañadoras recibirán unha mostra de produto YowUp!

O talent show do emprendemento galego e actividades na cidade

O Pont-Up Exprés permitirá a sete iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro representantes de destacadas empresas e entidades de Galicia coa finalidade de facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e tecido empresarial de novo emprendemento, cun formato áxil con presentacións de cinco minutos de duración. Rematada a exposición de cada proxecto, as persoas represtantes das empresas farán unha valoración das presentacións a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade.

Por outra banda, dentro das actividades dedicadas a promover a cultura emprendedora, co apoio de Abanca e Gadis, presentarase unha aplicación pensada para promover os valores do emprendemento a través dunha actividade organizada pola empresa Skeirrum mediante unha Street Escape ou Escape Room ao aire libre, na que participarán equipos de alumnado de secundaria e da Universidade, co obxectivo de promover o patrimonio cultural e histórico da cidade de Pontevedra, así como a cultura do emprendemento, a través dun percorrido interactivo polos puntos máis emblemáticos da cidade, nos que estarán escondidos códigos QR, que as persoas participantes terán que atopar para acceder a través deles a unha aplicación web na que encontrarán diferentes adiviñas, enigmas e probas contextualizadas na historia da cidade. O obxectivo desta actividade é adestrar ás persoas emprendedoras a superar retos e adaptarse a un mundo en constante cambio para ter éxito ao longo do seu camiño emprendedor.

Ademais, nesta novena edición volverán os obradoiros de R, enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás; e dentro do ámbito do emprendemento poderase coñecer de primeira man o labor que desenvolve a asociación solidaria Publicitarios Implicados, nacida para dar un servizo completo de comunicación publicitaria a micro-ONGs, plataformas de afectados ou colectivos solidarios, que non poden asumir os custes dunha axencia de publicidade. Nos seus 15 anos de traxectoria, puxeron en marcha 103 campañas, conseguiron 9 premios, lograron bater 3 récords do mundo, e realizaron un traballo por valor de 50.000.000€, sen cobrar nada.

Promovido polo Grupo G4 Plus da Universidade de Vigo, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, o Pont-Up Store conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca e R, entre máis de 50 entidades públicas e privadas. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, que representa a preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

Universidade de Vigo, 2022-08-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES