Notas de prensa

Investigadores de USC e UVigo evidencian como a covid-19 desenvolve unha dinámica de expansión xeográfica máis dispersa e heteroxénea que a gripe

Investigadores de USC e Vigo acaban de comparar a dinámica xeográfica de expansión da gripe e da covid-19, evidenciando a singularidade desta última, máis heteroxénea e susceptible ás medidas adoptadas para mitigar a súa propagación. Os científicos desenvolveron unha técnica capaz de predicir a evolución das pandemias a partir da construción dun arquivo de patróns dinámicos observados no pasado.

O modelado empírico dinámico é unha técnica non paramétrica que permite cruzar os datos dese arquivo coa situación actual e realizar estimacións sobre cal será o seu progreso. No caso da covid-19, ampliaron esa “libraría” de patróns non só ao pasado dalgunhas dinámicas en curso, senón tamén a procesos en curso en diferentes rexións que puidesen amosar coincidencias no seu comportamento. Este novo enfoque acaba de ser formulado no artigo Leveraging Geographically Distributed Data for Influenza and SARS-CoV-2 Non-Parametric Forecasting da revista Mathematics.

“Cando empezou a covid-19 empezamos a ver que os modelos matemáticos existentes tiñan certas eivas para predicir a evolución da pandemia”, explica o catedrático de Electromagnetismo da USC, pertencente ao Instituto de Materiais (iMATUS), Jorge Mira, que asina o artigo xunto ao catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, pertencente ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). Tamén son asinantes da publicación, Iván Area da UVigo e do CITMAga, xunto cos investigadores Pablo Boullosa e Adrián Garea. “Basicamente o problema é que nos modelos de epidemioloxía clásicos hai comportamentos exponenciais, que fan algo análogo ao ‘efecto bolboreta’ en meteoroloxía: pequenos cambios nos datos levan a notables cambios na predición”, explica Jorge Mira.

No caso da covid-19, esa variabilidade dos datos é orixinada “pola falta de homoxeneidade nas medidas políticas entre diferentes territorios, a resposta social ante esas medidas, e mesmo pola maneira de manexar os datos por parte das administracións públicas, con diferentes criterios na súa recollida e publicación”. Os autores desenvolveron un sistema que explorase o comportamento das pandemias en casos anteriores e buscase patróns nos datos actuais de xeito que, de detectarse algunha semellanza, a evolución do pasado puidese axudar a predicir o presente. O problema radicaba en que, no caso dunha nova pandemia como a covid-19, non hai “libraría” de casos pasados. Os autores deseñaron entón un novo método que construíse unha “libraría” que permitise comparar zonas xeográficas nas que se desen esas coincidencias.

Unha técnica testada con éxito

O equipo testou con éxito esta técnica no relativo ao virus da gripe a partir dos datos proporcionados polo Instituto de Saúde Carlos III, entre os anos 2000 e 2020, de quince comunidades autónomas, así como das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. A continuación e, a partir da mesma fonte oficial, avaliaron o caso da covid-19 dende o inicio da pandemia e ata abril de 2021, tomando en consideración as diferentes vagas. En concreto, cuantificaron cantas veces á hora de elaborar as predicións, un determinado territorio reproduce patróns tomados da serie temporal do resto de rexións, asumindo que a dinámica desta rexión está relacionada coas demais. Tamén cuantificaron cantas veces reproduce tendencias da súa propia serie temporal, o que remarca que a dinámica deste territorio é diferente aos demais e construíron redes de gripe e covid-19 para comprobar posibles coincidencias na distribución xeográfica das dúas enfermidades, evidenciando a singularidade da dinámica xeográfica desta última.

Os investigadores constataron como algúns territorios reproducen un gran número de patróns da súa propia evolución e non da de outros territorios; trátase dos casos da Comunidade de Madrid, a Comunidade Valenciana e Andalucía. En canto ás conexións, a rede da covid-19 é máis dispersa, non hai unha agrupación clara de tendencias como a que se dá na rede da gripe. De feito, as rexións do norte están máis conectadas coas do sur, reproducen patróns semellantes, mentres que no caso da gripe as conexións explicábanse en virtude do clima similar, “o que leva a incidencias comparables debido ao modo de vida que desenvolven as persoas”, sinalan os investigadores.

A dinámica da covid difire da gripe, a xuízo dos científicos, entre outras razóns polas diferenzas na xestión da pandemia por parte das comunidades autónomas, “xa que foron maioritariamente independentes do goberno central e levaron a cabo diferentes medidas para deter a propagación da pandemia”. A gripe, pola contra, combateuse durante moitos anos con accións máis homoxéneas.

Universidade de Vigo, 2022-07-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261111-xunta.jpg) Celébrase o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas, do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os vindeiros tres anos. Na inauguración do Consello foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil. Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas, e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O festival EmigraSON pecha o cartel para a súa quinta edición, que se celebrará en Bruxelas os días 5 e 6 de marzo de 2027. As últimas incorporacións son Carlangas, 9Louro e Tapa D’Orella, ademais da Asociación Cultural Galega A Roda, de Lausanne, que protagonizará a foliada da primeira xornada. Carlos Pereiro, máis coñecido como Carlangas, é un músico orixinario de Monterroso pero compostelán de adopción. Alí fundou en 2007 Novedades Carminha, unha das bandas galegas máis exitosas das últimas décadas coa que publicou cinco álbumes ata a súa disolución en 2022.
A IA converteuse nun dos fenómenos con maior impacto social dos últimos anos, xerando ao mesmo tempo novas oportunidades e importantes interrogantes éticos, sociais e legais. As súas aplicacións están a transformar ámbitos como a educación, a comunicación, o acceso á información, o emprego ou a toma de decisións. Ao mesmo tempo, o seu avance vai acompañado de relatos, mensaxes e informacións que contribúen a facer pasar por verdade aquilo que non o é.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES