Notas de prensa

As novas tecnoloxías amosan 'importantes limitacións' á hora de incorporar novas persoas aos procesos políticos

Segundo o portal Universo Crowdfunding, o chamado 'financiamento participativo', as iniciativas de micromecenado que se impulsan a través da rede, recadaron o ano pasado en España preto de 220 millóns de euros. Pero a pesar do número de iniciativas, tanto empresariais como sociais, que se financian a través do crowdfunding, 'a aplicación política desta ferramenta dixital fora escasamente estudada até a data'.

Isto é o que sinala o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 Bruno González, que analizou na súa tese de doutoramento as campañas de micromecenado impulsadas por diferentes tipos de organizacións do movemento social, asociacións ou ONG, que “tiñan unha finalidade de cambio social e político”. A análise pioneira que levou a cabo de 233 iniciativas de crowdfunding sociopolítico impulsadas en España entre 2012 e 2017 permitiulle constatar a importancia que ten, por riba das accións concretas para as que se recadan fondos, a “identificación” dos doadores e doadoras co colectivo que as impulsa. Así mesmo, a investigación tamén mostrou que estas fórmulas “amosan importantes limitacións á hora de incorporar novas persoas” aos procesos de participación política, xa que as doazóns son realizadas fundamentalmente por persoas cun “perfil multiactivista”.

Desenvolvida no programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible do Campus Crea, baixo a dirección dos profesores Celso Cancela e Vicente Romo, a tese Mobilización de recursos participativa para a acción colectiva a través de campañas de sociopolitical crowdfunding constitúe a primeira análise do uso deste tipo de accións de financiamento con fins “de cambio social” que se realiza en España.

233 campañas en cinco anos marcados polas mobilizacións

Co obxectivo tanto de afondar tanto nas “claves do éxito e do impacto comunicativo” deste tipo de campañas, como no perfil das persoas doadoras, o investigador e profesor do Grao en Dirección e Xestión Pública estudou as accións de crowdfunding, cunha “orientación ao cambio político e social”, que se puxeron en marcha en España entre 2012, “cando aparecen os primeiros proxectos financiados desta forma, moi vinculados ao 15M”, e 2017. Deixando fóra as impulsadas por outro tipo de actores, como os partidos, González Cacheda centrouse nos proxectos de micromecenado de colectivos da sociedade civil, que podían ir dunha ONG a unha asociación de veciños, que tivesen esa “orientación ao cambio político e social”, como poderían ser “accións orientadas a unha administración pública, facendo algún tipo de demanda, ou mesmo a empresas privadas, como, por exemplo, boicots”.

O investigador da Área de Ciencia Política e da Administración localizou un total de 233 proxectos, impulsados a través das plataformas Verkami, Goteo e TotSuma, esta última, explica, “moi vinculada a proxectos en clave soberanista en Cataluña”. De feito, o período que centra o estudo viu marcado, recoñece, por “ciclos de mobilización”, ligados en primeiro termo ao 15M “e despois ao movemento soberanista en Cataluña”. Así, entre os colectivos promotores das accións estudadas figuran entidades como Òmnium Cultural e a ANC, xunto con outra serie de asociacións e colectivos como a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), Juventud Sin Futuro, a Plataforma Galega en Defensa da Sanidade Pública ou colectivos vinculados á marea verde en Madrid. Alén disto, a maioría dos proxectos que recorreron a esta fórmula, e que en preto dun 90% dos casos acadaron os fondos que se propuñan, insírense nun ámbito local. A contía media destes 233 proxectos sitúase preto dos 8000 euros, habendo moitas accións que buscaban reunir 1000 ou 2000 euros, xunto con outras de maior volume, como a impulsada “por un centro social autoxestionado en Barcelona, Can Vies, tras ser desaloxado, que recadou preto de 90.000 euros”, explica.

As organizacións seguen sendo importantes

Nunha segunda fase, o investigador e docente analizou a difusión de cada campaña a través de Facebook e Twitter, constatando “a relación entre o éxito financeiro dos proxectos e o nivel de actividade e difusión” a través das redes sociais ou dos medios de comunicación dixitais, así como a importancia que teñen neste eido “as relacións de cooperación con outros actores sociopolíticos para a difusión da mensaxe”. Nese senso, González Cacheda sinala que, fronte á idea de que no mundo dixital “as persoas están máis desvinculadas das organizacións e identifícanse coas causas principalmente”, a súa tese amosou a importancia neste eido dos colectivos e das súas redes de simpatizantes, xa que aquelas organizacións que tiñan o “apoio na difusión doutras entidades organizadas, como son partidos ou sindicatos”, acadaban “un maior impacto”, tanto en termos comunicativos como financeiros. De feito, nas enquisas que realizou a doadores e doadoras comprobou “que é incluso superior a identificación cos colectivos que coas causas que financiaban como un proxecto concreto”.

As TIC son empregadas por “multiactivistas”

González Cacheda, primeiro graduado en Dirección e Xestión Pública que completa o doutoramento do Campus Crea, buscou tamén coñecer o perfil das persoas que financian este tipo de iniciativas, a través dun cuestionario que responderon 125 doadores e doadoras. Un dos obxectivos desta parte do estudo, explica, era coñecer se as novas tecnoloxías “podían estar incorporando aos procesos políticos persoas que antes non participaban”, xa que “definida nun sentido amplo, as doazóns son unha forma de participación política que vai máis aló do voto”.

Non obstante, os resultados desta tese lévano a concluír que “as TIC están incrementando as desigualdades” neste ámbito, ao facilitar que persoas “cun elevado nivel de compromiso e experiencia participativa” teñan a posibilidade “de influír de máis formas nos procesos políticos”, mentres que “as persoas que estaban excluídas destes, seguen sen participar”. A pesar de que, lembra, a imposibilidade de localizar un maior número de participantes neste tipo de campañas obriga a interpretar os resultados “con precaución”, os resultados desta análise amosan que os participantes en campañas de crowdfunding sociopolítico son “persoas multiactivistas, cun alto nivel educativo, situadas ideoloxicamente no espectro político da esquerda”, e que non só se identifican co proxecto que apoian, “senón tamén co colectivo que o pon en marcha”.

Universidade de Vigo, 2022-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES