Notas de prensa

Expertos internacionais en nanomateriais reuniranse enVigo para buscar novas liñas de investigación 'alén das fronteiras do coñecemento'

O regreso do catedrático de Química Física Luis Liz-Marzán á Universidade de Vigo para poñer en marcha un novo grupo de investigación no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, comeza a deixar pegada na institución olívica. Da súa man, e en colaboración co Cinbio, os vindeiros días 4 e 5 de xullo celebrarase a primeira edición do The Thinking Institute.

Trátase dunha iniciativa que nace co obxectivo de converterse nunha cita anual para especialistas de todo o mundo na que discutir a ciencia cunha mente aberta, de modo que poidan xurdir novas liñas de investigación dunha contorna multidisciplinar.

Esta primeira edición centrarase, como explica Liz-Marzán, “no nanomateriais e a súa caracterización, de cara a descubrir novas propiedades, pero tamén a controlar a súa interacción con sistemas biolóxicos, como proteínas”. Serán en total dez poñentes “expertos de primeiro nivel en diversos aspectos da nanociencia, nanomedicina e nanoquímica”. As especialidades abarcan dende a preparación e caracterización de nanomateriais ata as súas aplicacións en rexeneración de espiña dorsal, deseño de antivirais, biomateriais para rexeneración de tecidos ou materiais ultrarresistentes, entre outras. Será un programa de presentacións científicas “interesante e diverso” semellante ao que podería ser un congreso ou simposio, pero que terá “un carácter máis provocativo do habitual” para abordar “temas de interese actual pero tamén para propoñer retos e posibles obxectivos a medio e longo prazo”. Ademais, o programa deixará tempo para “encontros máis distendidos nos que poidan xurdir ideas e incluso proxectos colaborativos”, engade o catedrático.

Este seminario está especialmente orientado a investigadores e investigadoras que teñan unha “mínima inquietude” polo mundo dos nanomateriais e por aquelas disciplinas que poidan ter relación con eles, que segundo Liz-Marzán son “case calquera”. Neste sentido, o público obxectivo máis inmediato son os estudantes, postdocs e investigadores sénior do Cinbio, que terán a oportunidade de reunirse e discutir cos oradores invitados “para afondar no pensamento conxunto.”

Volver a interactuar tras dous anos de pantallas

A idea de poñer en marcha esta iniciativa, explica Luis Liz-Marzán, xorde da relación científica e persoal que o une co profesor Nicholas Kotov, da Universidade de Michigan, que será o poñente inaugural do workshop e xa fora en 2010 profesor visitante na UVigo. “Durante unha visita súa no verán pasado, primeiro en San Sebastián e a continuación en Vigo, pensamos que tras dous longos anos de pandemia e reunións online, precisábamos xuntarnos con colegas cos que puidésemos falar de ciencia nun contexto relaxado para tentar identificar direccións que nos leven alén das fronteiras do coñecemento nos vindeiros anos”.

Para esta primeira cita de The thinking Institute arredor da preparación de nanomateriais e a súa caracterización, o catedrático da UVigo conseguiu reunir un panel de relatores “espléntido” composto polo propio Nicholas Kotov xunto con Catherine J.Murphy (University of Illinois); Maurizio Prato (CIC biomaGUNE e Universidade de Trieste); Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Joerg Lahann (University of Michigan); Francesco Stellacci (Ecole Polytechnique Fédérale de Lausanne); Michael Bedzyk (Northwestern University) e tamén os investigadores do Cinbio Verónica Salgueiriño, Miguel A. Correa e Lucas V. Besteiro, ademais do propio Liz-Marzán.

O evento está aberto a “todos aqueles que teñan inquedanzas científicas, sexan próximos á nanociencia ou non” e dende a organización convidan a todas e todos “a achegarse e aproveitar a ocasión de escoitar a estes magníficos investigadores e poñentes”.

Vocación de continuidade

Este foro de pensamento e debate científico nace con vocación de continuidade, como recoñece o seu organizador, a quen lle gustaría que se convertese “nunha cita anual no principio do verán, no que vaiamos rotando os temas a tratar e os invitados. Penso que é unha maneira modesta pero efectiva de promocionar a Universidade, dar visibilidade ao Cinbio e atraer científicos de primeiro nivel cos que os investigadores poidan ter contacto directo”.

Para que esta idea se plasmase en realidade nesta primeira edición, Liz-Marzán agradece a colaboración “da dirección e administración do Cinbio polas facilidades ofrecidas na organización do evento e tamén da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia “polo financiamento que facilitará a realización do evento nas mellores condicións”.

O seminario celebrarase no salón de graos do edificio de Ciencias Experimentais e, aínda que é de balde, é necesaria a inscrición, procedemento no que terá prioridade o persoal do Cinbio.

Universidade de Vigo, 2022-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES