Notas de prensa

Investigadores da UDC participan na publicación do mapa máis completo da Vía Láctea

Este luns tivo lugar a presentación da terceira publicación de datos de Gaia, misión espacial da Axencia Espacial Europea (ESA) cuxo obxectivo principal é medir cunha precisión sen precedentes a posición, os movementos e as propiedades das estrelas da Vía Láctea, creando un mapa multidimensional de case dous mil millóns de estrelas.

A astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte lideran ao equipo de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña que participan nesta misión espacial.

A información publicada contén información nova e mellorada de case dous millóns de obxectos da Vía Láctea e revoluciona a nosa comprensión da Galaxia. O catálogo inclúe nova información e máis precisa ca do anterior arquivo DR2, coma temperaturas estelares, radios, composicións químicas, masas, idades e a velocidade á que as estrelas se achegan ou afastan de nós. Gran parte desta información foi revelada pola espectroscopia, recentemente publicada, e que é o produto estrela da DR3. A espectroscopia é unha técnica na que se divide a luz das estrelas (coma un arco iris). Así mesmo, o arquivo DR3 recolle subconxuntos especiais de estrelas, coma aquelas que cambian de brillo co tempo, ou estrelas variables. Outra novidade neste conxunto de datos é o catálogo máis grande ata a data de estrelas binarias da Vía Láctea, miles de obxectos do Sistema Solar, entre eles asteroides e lúas de planetas, así coma millóns de galaxias e quásares situados fóra da Vía Láctea.

O equipo investigador do CITIC traballou nas unidades de coordinación 8 e 9 de Gaia. O obxectivo principal da unidade de coordinación 9 foi a creación de técnicas e ferramentas para a verificación da calidade dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión. Á súa vez, a unidade de coordinación 8 centrouse en deseñar e desenvolver técnicas automatizadas, baseadas na Intelixencia Artificial e na Estatística Inferencial, que permitan a clasificación de todas as fontes que observa o satélite (non só estrelas da Vía Láctea, senón tamén obxectos extragalácticos) e da obtención das súas principais características e propiedades físicas, coma a temperatura e a gravidade das estrelas. Desde o CITIC desenvolveuse unha ferramenta, GUASOM (Gaia Utility for the Analysis of Self-Organizing Maps in DR3), para a visualización en Big Data Astronomy de clustering non supervisado de outliers, que se pode consultar de forma libre: https://guasom.citic.udc.es Xunto co novo conxunto de datos, publicarase unha cincuentena de artigos científicos, dos que nove se centran especificamente en demostrar o gran potencial dos novos datos de Gaia.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014- 2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Universidade da Coruña, 2022-06-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES