
Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC e a Xunta de Galicia, o encontro divide o seu programa científico en varios workshops que abordarán as diferentes técnicas e detectores para observar neutrinos e raios cósmicos de ultra alta enerxía, e os desafíos que expón a astronomía multimensaxeiro.
Os métodos de detección acústica e radioeléctrica de neutrinos e raios cósmicos ultra enerxéticos e outras tecnoloxías como microondas, radar e detección magnética ultrarrápida, ademais de futuros experimentos como Auger Prime, IceCube Gen-2, PUEO (Payload for Ultrahigh Energy Observations) ou o Global Cosmic Ray Observatory, son algunhas das temáticas que se tratarán neste congreso da man de investigadores do IGFAE e outros de especial relevancia no panorama estatal e internacional.
Unha nova xanela ao universo máis extremo
A astronomía multimensaxeiro é unha forma de observar o universo que non se basea exclusivamente na luz, senón que o sinal tamén pode estar composto por partículas subatómicas e ondas gravitacionais. Naceu en 1985 cando se detectaron os primeiros neutrinos orixinados na explosión da supernova SN 1987A. Con todo, en 2017 deuse un salto cualitativo sen precedentes cando se observaron por primeira vez as ondas gravitacionais (GW170817) e a radiación electromagnetica producida no choque de dúas estrelas de neutróns. Ter información de distinto tipo dun mesmo fenómeno permite complementar as observacións e estudar o universo máis extremo dunha maneira nunca vista. O congreso ARENA2022 constitúese como o foro idóneo para mostrar os resultados máis recentes e o estado de diferentes investigacións e experimentos desta nova era da astronomía.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.