Notas de prensa

Un equipo internacional liderado desde a UVigo estudará o impacto do cambio climático sobre a atmosfera, a orbitación de satélites e o lixo espacial

O Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) acaba de escoller ao físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel para liderar un equipo internacional que estudará durante os próximos dous anos os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.

No equipo do proxecto participan once institucións de sete países, estando ademais da UVigo a Universidade de Oxford, a Nasa, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR), o Centro de Investigación Antártica de Reino Unido, a Charles University de República Checa, o Instituto Nacional de Investigacións Avanzadas da India, o Instituto Meteorolóxico de Finlandia, o Instituto Meteorolóxico dos Países Baixos e a Universidade de Leeds. Por parte da Universidade de Vigo participan Juan Antonio Añel, como líder do proxecto, e Laura de la Torre, ambos físicos do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

“O ISSI fai unha convocatoria anual para financiar equipos de traballo nos temas máis relevantes do momento en investigación espacial e de monitorización da terra. Polos nosos últimos resultados sobre os impactos do cambio climático, varios colegas suxeriron a posibilidade de presentarse á convocatoria e pedíronnos que a liderásemos e así o fixemos”, comenta Juan Antonio Añel. O Instituto Internacional de Ciencias Espaciais, lembra, “funciona como instituto de investigacións avanzadas de referencia internacional no eido espacial, especialmente dedicado ao estudo da influencia do sol sobre a terra e ciencias planetarias, que facilita a investigación en colaboración de todas as axencias espaciais dos diversos países”. Na actualidade, engade, o ISSI está financiado principalmente pola Axencia Espacial Europea, a Academia de Ciencias de Suíza e a Axencia Espacial de Xapón e conta coa participación de institucións como o Centro Nacional de Investigacións Espaciais de China, o Instituto de Investigación Espacial de Rusia e a Nasa.

Tres obxectivos e recomendacións

Os obxectivos do proxecto, detalla Juan Antonio Añel, son varios. “En primeiro lugar, avaliaremos en que estado nos atopamos para monitorizar os impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera, xa que agora mesmo temos unha gran falla de datos e sistemas de observación e as misións de satélite previstas nos próximos anos non solucionan estes problemas”. En segundo lugar, engade, o proxecto proponse construír unha base de datos de observacións da atmosfera media para poder estudar mellor ditos impactos. O terceiro propósito da iniciativa será cuantificar o impacto das emisións dióxido de carbono na ionosfera e certas propiedades da atmosfera alta, tales como a densidade de electróns. “Isto é importante porque está afectando á navegación de satélites e ao seu tempo de reentrada na atmosfera e aumentando o tempo de permanencia en órbita do lixo espacial e polo tanto aumentando a súa cantidade”. Por último, no marco desta iniciativa farase un informe con recomendacións sobre como solucionar estes problemas.

“O noso coñecemento dos impactos do cambio climático segue moi restrinxido á superficie e á parte máis baixa da atmosfera do planeta. Por cuestións como a falla de observacións de toda a atmosfera antes da aparición dos satélites artificiais, os impactos nas capas moi altas ainda son moi descoñecidos”, explica Juan Antonio Añel. Porén, subliña, “é importante abordar este oco no noso coñecemento” pondo como exemplo como “o aumento do lixo espacial pode ter efectos moi perniciosos sobre as operacións de satélites ou en misións orbitais”. Así, engade o físico da UVigo, “incluso se ten probado que pode dar lugar a erros en medicións con sistemas de posicionamento como o GPS, algo que hai que cuantificar adecuadamente”.

Recoñecemento ao traballo e á constancia

Este proxecto, apunta por último Juan Antonio Añel, “ten a súa base no traballo que vimos desenvolvendo dende hai case dúas décadas en Ephyslab, que en certa forma comezou ca miña tese de doutoramento sobre o estudo do impacto do cambio climático na tropopausa do noso planeta”. Pondo en valor a importancia de que sexa a UVigo a que “estea liderando un equipo coma este e neste tema”, o físico do campus de Ourense destaca como “é reconfortante que os nosos colegas, algúns de centros con gran tradición na investigación espacial e con gran prestixio, coma a Nasa, o MIT, NCAR ou a Universidade de Oxford, consideren que temos a capacidade para coordinar o traballo conxunto neste tipo de investigacións”. Acadado o financiamento do Instituto Internacional de Ciencias Espaciais, o coordinador do proxecto apunta que a súa consecución e liderado “é un recoñecemento ao traballo que vimos facendo con constancia e certo impacto, tanto científico como social, en investigación das alteracións que o cambio climático está a producir na estrutura atmosférica”.

Universidade de Vigo, 2022-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES