Notas de prensa

A USC testa robots sociais para previr o illamento dos nenos e nenas con enfermidades graves

O proxecto ABILITI investiga de que xeito os sistemas de telepresenza poden previr o illamento no sistema educativo dos nenos e nenas con enfermidades graves e/ou crónicas. Este consorcio internacional do que forma parte a USC testa un robot físico que permite ao alumnado con enfermidades crónicas ou de longa duración participar en clase e mesmo en actividades extraescolares a través dunha app na súa tablet.

“Favorécese así a súa vinculación ao contexto e comunidade educativa nos períodos de hospitalización ou convalecencia no fogar”, apuntan dende o grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa (TECNOEDUC) da USC, dirixido pola profesora Beatriz Cebreiro. A coordinación do proxecto dende España corre a cargo das profesoras Carmen Fernández Morante e Lorena Casal Otero.

O proxecto ABILITI (Avatar Based Interaction and Learning In Times of Illness), coordinado pola universidade austríaca de Klagenfurt, estuda en que medida o emprego de robots sociais reforza o sentido de pertenza e vinculación ao grupo e á comunidade educativa de referencia. Para iso, realízase unha análise das experiencias previas existentes a nivel internacional coa vontade de desenvolver unha metodoloxía educativa que permita a súa introdución nas escolas europeas. Ao longo desta semana, desenvolveuse na Facultade de Ciencias da Educación da USC a primeira xuntanza presencial do consorcio na que tamén interveu o vicerreitor de Política científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri. O consorcio do proxecto está integrado por institucións de Austria, Dinamarca, España, Estonia e Bélxica.

O equipo da USC colabora estreitamente coa Federación Española de Pais de Nenos con Cancro e, regularmente, coa aula hospitalaria do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. “Para o desenvolvemento do piloto, en España establecerase unha colaboración formal con ambas as entidades e se é posible ampliarase a outras Comunidades Autónomas”, explica Carmen Fernández Morante. A participación dos nenos/as e as súas familias é voluntaria e establecerase a través de sistemas de telepresencia, emails ou outros formatos dixitais.

Formar o profesorado

O obxectivo do proxecto ABILITI é mellorar a competencia dos actuais e futuros profesionais do ensino para previr o illamento social do alumnado que padece enfermidades crónicas, para mellorar a súa inclusión nas actividades da aula e a interacción social cos seus compañeiros, e fomentar o seu sentido de pertenza á súa escola e á súa clase mentres non poidan asistir ás clases presenciais. De feito, o equipo está a traballar nun informe de investigación que se elaborará a partir dunha pequena enquisa Internacional sobre o uso de sistemas de telepresencia nas escolas dos países participantes. O estudo publicarase como libro electrónico e informará á comunidade académica das experiencias obtidas con avatares e outros sistemas de telepresencia. A enquisa completarase cunha análise documental de toda a bibliografía científica, informes, normativas ou materiais que poidan identificarse en cada país respecto á cuestión de estudo.

Doutra banda, crearase o Manual do profesor/a, material dirixido aos profesionais da docencia, baseado en revisións de investigacións, entrevistas con profesionais e nos coñecementos adquiridos na pilotaxe dos resultados do proxecto. Proporcionará aos docentes información básica sobre os aspectos socioemocionais do ensino a nenos/as enfermos/as e información sobre os sistemas de telepresenza existentes e as súas posibilidades e aplicacións. Incluirá recomendacións prácticas sobre métodos e ferramentas para a xestión do proceso educativo e a súa extensión aos contextos hospitalario e do fogar. O proxecto tamén impulsará un programa de formación do profesorado para os futuros docentes e profesorado en activo. Os tres módulos que o integrarán abarcan coñecementos psicolóxicos e pedagóxicos, orientación metodolóxica e técnica sobre o uso dos sistemas de telepresenza, así como recomendacións para a planificación das clases e a xestión da aula.

Finalmente, a creación de ‘A caixa de ferramentas de avaliación’ permitirá ao profesorado avaliar o impacto de sistemas de telepresencia na integración dos alumnos/as nas súas aulas e centros, e valorar ata que punto se logrou manter o sentido de pertenza e vinculación ao grupo de aula e comunidade educativa de referencia.

Experiencias previas

O proxecto ABILITI é o terceiro proxecto europeo competitivo realizado por TECNOEDUC no ámbito da aplicación da Tecnoloxía Educativa á pedagoxía hospitalaria. Co proxecto e-hospital (2005-2008) a USC xunto co seu socio tecnolóxico CESGA desenvolveron un sistema de e- learning pioneiro para pacientes adultos hospitalizados. Co proxecto ‘Create your Future’ (2014-2017) TECNOEDUC liderou unha investigación pioneira sobre a experiencia educativa de mozos sobreviventes de cancro infantil e formulou propostas para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral. Con ABILITI (2021-2024) probará e fundamentará o uso dunha tecnoloxía emerxente que podería mellorar a atención educativa e reducir o illamento do alumnado que padece enfermidades nas escolas europeas.

Esta iniciativa e os materiais formativos e ferramentas que se desenvolvan no proxecto ABILITI constituirán unha achega relevante ao traballo que, dende 2019, TECNOEDUC desenvolve mediante convenio específico da USC coa Federación Española de Pais de Nenos con Cancro no deseño e desenvolvemento de formación en liña do profesorado de todas as comunidades autónomas para atender ao alumnado afectado por enfermidades crónicas ou de longa duración.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES