Notas de prensa

Dixitalización, transparencia e colaboración público-privada, chaves para a administración do futuro

O Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde UVigo, presentou un novo documento de análise no que aborda 'A reforma que a administración necesita: propostas para o s. XXI'. Nel sinálase que a dixitalización, transparencia e colaboración público-privada son chaves para a administración do futuro e recoméndase profesionalización, burocracia máis eficaz e avaliación constante das políticas públicas.

O documento foi presentado polo director do Foro Económico de Galicia e catedrático da UVigo Santiago Lago e a súa autora, Concepción Campos, coordinadora de Rede Localis (rede xestionada tamén polo grupo Gen) e membro do grupo de expertos que elaboraron o informe 13 propostas para reformar a Administración do Estado (Ministerio de Facenda e Función Pública). Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, a reforma das administracións públicas é unha das políticas ‘panca’ que deberá executarse no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) a través do instrumento dos Fondos Next Generation. Tendo en conta este contexto, no informe presentado, a autora desenvolve unha serie de recomendacións necesarias para acadar os niveis de execución que se requiren dos fondos europeos. O documento indica que a modernización da administración pública é un proceso que comezou a mediados do século XX pero que non parece chegue ao seu fin. “A falta de éxito atópase en que soamente se basea en leis e tecnoloxía, sen ter en conta o concurso de múltiples factores, de persoas, de modelos de organización, de liderado para sacar adiante máis que unha reforma modernizadora, unha transformación do modelo de administración que poida asumir os retos do século XXI”, indican desde o foro.

As primeiras recomendacións do documento presentado este martes convidan, por unha parte, a unha simplificación regulatoria apuntando que “nos últimos anos cada vez apróbanse máis leis, pero non se avalían os seus resultados e impactos na actividade económica”. Por outra banda, o informe tamén convida a unha simplificación procedemental. Neste senso, a súa autora salienta que a mera dixitalización suporá unha considerable redución de cargas administrativas xa que segundo o Método de Medición de Custos, presentar unha solicitude presencial ten un custe de 80 euros, mentres que na presentación electrónica é de 5 euros.

Reducir “a mala burocracia e o seu exceso”

Concepción Campos afirma que a burocracia, entendida como os procedementos que garanten os dereitos da cidadanía, ofrece seguridade xurídica e impide arbitrariedades dos poderes públicos e que eses aspectos deben manterse. “O resto, as cargas administrativas, deben ser revisadas en chave de desburocratización, co principio de unha soa vez, posible coa xestión do dato e avanzando cara a automatización dos servizos públicos”, comenta sinalando que a xestión dos Fondos Europeos é todo un desafío administrativo neste senso.

O documento tamén sinala que a disrución tecnolóxica require á súa vez dunha disrución organizativa e que “hai que evitar a “burocracia dixital”: contar con directivos profesionais que traballen por obxectivos e rendan contas, afastados da posible colonización política dos ámbitos de xestión profesional”. Isto supón, engádese no texto, un cambio cultural nas organizacións que leve á profesionalización da dirección pública. Neste senso, unha das recomendacións máis importantes recollidas no informe é a avaliación das políticas públicas. “O único xeito de coñecer se as medidas son as acertadas é que tras a súa implantación se proceda ao seguimento e avaliación, sen que neste intre sexa habitual dita práctica. Este proceso avaliativo sistemático das políticas públicas constitúe unha necesidade de primeira orde nun estado democrático avanzado do século XXI”, afirma a súa autora.

O informe salienta a importancia da colaboración pública-privada. Para Concepción Campos, un novo modelo produtivo e a recuperación social esixe un triplo liderado: público, social e privado; xerar sinerxías entre o sector público e privado e apoiar as alianzas, como recolle a Axenda 2030 no ODS 17, e abeirar a percepción da cidadanía e do sector empresarial de que as relacións coa administración son unha carreira de obstáculos. Finalmente o documento recomenda unha xestión integrada e transparente, tal e como o indica o ODS 16 e na liña de loitar contra o fraude como esixe a Unión Europea, e a máxima optimización das oportunidades que se derivarán da chegada dos fondos NGEU. Para iso, conclúe o documento, “é precisa maior colaboración público-privada, o reforzo dos recursos asignados a este fin, poñendo a cidadanía no centro e que a redución da burocracia e a xeneralización da dixitalización sexan os factores cruciais para acadar o nivel de execución que requiren os fondos europeos”.

Universidade de Vigo, 2022-05-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES