
Publicado na prestixiosa revista Journal for Immunotherapy of Cancer, o estudo demostra que o bloqueo de receptores A2B de adenosina permite reactivar o sistema inmunitario devolvéndolle a súa efectividade na loita fronte a tumores.
O traballo demostrou o notable efecto inmunosupresor que xoga o receptor A2B de adenosina no microambiente tumoral, así como os beneficios derivados do seu bloqueo no contexto da inmunoterapia do cancro. O tratamento cos novos fármacos reduce a supresión das células do sistema inmunolóxico no microambiente tumoral e incrementa a infiltración dos linfocitos no tecido, cunha importante remisión do tumor.
Novos fármacos
O traballo tamén desvelou o potente efecto anticanceríxeno de dúas familias de fármacos desenvolvidos na USC, o que abre a porta a innovadores tratamentos. A inmunoterapia do cancro, baseada na reactivación do sistema inmunitario do paciente para combatelo, constitúe unha das estratexias terapéuticas máis efectivas e disruptivas. Para neutralizar o bloqueo do sistema inmunitario inducido polas células canceríxenas, utilízanse anticorpos monoclonais, proteínas artificiais que actúan como anticorpos humanos, os cales teñen unha complexa produción e elevados custos, o que dificulta o seu uso extensivo. Neste sentido, o desenvolvemento de fármacos capaces de actuar como estes anticorpos constitúe unha estratexia nova que abre a porta a tratamentos innovadores e combinacións sinérxicas.
O estudo levouse a cabo por varios equipos a nivel mundial. Alén de Eddy Sotelo, para este proxecto uníronse investigadores da USC no CiQUS, CiMUS a través do grupo BioFarma que dirixe Mabel Loza, e da Facultade de Farmacia da USC como é o caso de Xerardo García Mera. Ademais, a alianza tamén contou con investigadores do Karolinska Institutet, da Universidade de Uppsala e da Universidade Tecnolóxica de Singapur.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.