Notas de prensa

A primeira escavación arqueolóxica na illa de Sálvora descobre 'un importante xacemento romano'

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo vén de realizar a primeira escavación arqueolóxica na illa de Sálvora. A intervención, indican os seus responsables, permitiu “descubrir un importante xacemento romano” que posiblemente corresponda cunha factoría de salgadura. A iniciativa nace da colaboración existente entre a institución académica e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Esta colaboración ten permitido ao GEAAT escavar e investigar desde o ano 2021 na illa de Ons dous importantes xacementos de época romana. Nesta ocasión, contouse co apoio e a colaboración do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN). O obxectivo da intervención en Sálvora, na que participou un equipo de catro membros do GEAAT, foi o de “afondar no coñecemento sobre a ocupación humana antiga desta illa, a máis norteña das que conforman o parque e poder confrontar os datos cos recollidos nas actuacións na illa de Ons”.

O proxecto, explica o seu director, o profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense Adolfo Fernández, incluía a realización dunha sondaxe valorativa no Areal dos Bois e levouse a cabo logo de que nese lugar se descubrisen hai algúns anos materiais arqueolóxicos en superficie, o que se interpretou coa presenza alí dun xacemento romano, sen saber exactamente as súas dimensións e características. Así, lembran desde o GEAAT, durante o ano 2021 arqueólogos deste grupo desprazáronse ata Sálvora para realizar unha prospección arqueolóxica, o que propiciou a recolla de novos materiais romanos en superficie no Areal dos Bois.

Estrutura e numerosos restos

Eses indicios levaron a promover, en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o proxecto desenvolvido agora para caracterizar os posibles restos agochados baixo a duna mediante a realización dunha sondaxe valorativa. A intervención, realizada durante o mes de abril, deu “os seus froitos ao descubrir que baixo a duna atópase protexida unha estrutura de época romana”. O equipo da UVigo localizou un muro de contención que nivelaba o terreo nunha zona por onde descorría un antigo regato. Segundo indican, nesta zona, fóra do edificio romano, localizouse “un potente vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha fibela de bronce”. Todo este material, “tirado ao lixo polos habitantes romanos de Sálvora”, será estudado no Laboratorio do GEAAT no campus de Ourense e poderá achegar “importantes datos sobre a cronoloxía do xacemento, os seus usos e os hábitos de vida e consumo de alimentos dos seus habitantes”. Así, engade o equipo arqueolóxico, a colección de fauna recuperada, unida á recuperada no xacemento do Canexol (Ons), permitirá coñecer que especies existían e eran consumidas nas illas durante os séculos I ao IV d.C.

Ademais de todo este material, na sondaxe recuperáronse abundantes fragmentos de morteiro hidráulico formado por cal e coios que era utilizado habitualmente como revestimento dos píos de salga. Este tipo de morteiro, comenta desde o GEAAT, é o utilizado nas fábricas romanas de Adro Vello (O Grove), en Sobreira (Vigo), en O Naso (A Illa) ou na propia fábrica de Canexol (Ons). “Por este motivo, creemos que o que se atopa baixo a duna sur do Areal do Bois é moi posiblemente unha nova factoría de salgadura de peixe de época romana”, comenta Adolfo Fernández. A súa localización, nun lateral da praia a certa distancia do mar e ao carón dun regato de auga doce cumpre, segundo o GEAAT, “cos parámetros que temos observado na localización doutras fábricas semellantes”. Isto, unido aos restos de morteiro recuperado e aos restos anfóricos, fai que a hipótese da fábrica de salga sexa a máis posible. Porén, engaden, “serán necesarias novas sondaxe no lugar para caracterizar correctamente o xacemento e poder construír paseniñamente o pasado antigo da illa de Sálvora”.

Universidade de Vigo, 2022-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES