Notas de prensa

O I Encontro Ágora reunirá representantes da industria, a administración e a universidade para analizar o impacto da innovación tecnolóxica na industria

Dixitalización, intelixencia artificial, automatización… a industria está xa a vivir unha nova revolución, a do 4.0, e as tecnoloxías emerxentes están a cambiar significativamente os procesos de fabricación. Para analizar este escenario este venres a UVigo acollerá un debate entre representantes da industria, a administración e a universidade no I Encontro Ágora.

Enmarcada no programa Espazos de Innovación, esta cita terá lugar en Citexvi a partir das 11.00 da mañá e contará coa participación, entre outros, dos conselleiros de Economía, Francisco Conde, e de Medio Rural, José González, xunto con representantes de empresas como Stellantis Vigo ou Telefónica, e persoal de varios grupos de investigación da Universidade de Vigo. A través de tres mesas de debate tratarán de analizar o grao de dixitalización actual na industria galega, as súas necesidades e propostas. Ao longo da xornada exporanse algunhas ideas e iniciativas para axudar a crear unha contorna innovadora, dixital, intelixente e competitiva e analizarase o papel dos diversos axentes sociais, a universidade, as empresas e os gobernos.

Por outra banda tamén se porá o foco no futuro, poñendo enriba da mesa diferentes visións sobre como serán as fábricas nuns anos e como novas tecnoloxías e como o internet das cousas ou a computación cognitiva están axudando a transformar e potenciar a súa competitividade. Un terceiro punto de enfoque será como estas tecnoloxías emerxentes poden activar e transformar a innovación na industria e na sociedade, por exemplo, os procesos produtivos, a seguridade, o desenvolvemento social, etc.

Tres mesas de debate

A xornada arrancará ás 11.00 horas cunha mesa redonda institucional na que, baixo o título A industria como unha contorna dixital e competitiva, participarán Francisco Conde, vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Ángel Alonso, director xeral de Telefónica Norte e Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo. Neste primeiro debate, moderado pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, analizarase a dixitalización e innovación tecnolóxica na transformación das empresas a través de casos de éxito e programas e iniciativas que fomenten a competitividade, a confianza e a sostibilidade.

A segunda mesa centrarase na innovación industrial e o seu futuro. Investigadores e representantes da Xunta e empresas reflexionarán sobre os avances tecnolóxicos e as súas implicacións sociais. Participarán neste debate Mar Pereira, directora de Amtega; Paula Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias; Juan José Areal, responsable de Proxectos de Innovación de Stellantis-Vigo; Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Carlos Prado, catedrático da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo e Luis Álvarez-Sestelo, CEO Optare Solutions. Acompañados por un grupo de estudantes e decentes, debaterán sobre diferentes perspectivas de futuro, que pasan pola relación entre máquinas e humanos na industria, os espazos de fabricación intelixente, os cobots ou robors colaborativos ou a mellora da produtividade a eficiencia a través da automatización e outros avances tecnolóxicos e tendencias.

Tras un descanso, a xornada continuará coa presentación da Cátedra Telefónica-UVigo da man do seu director, José Cidrás, que estará acompañado de Felipe Gil, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e investigador principal do proxecto Red5G; Guillermo Fernández Sánchez, alumno de Enxeñería Industrial e mellor orador da Liga Española de Debate Universitario STEM 2021 e Martina Páramos, alumna de Enxeñaría de Telecomunicación e Premio Sofia: Reto IA para el Hogar.

Finalmente, o evento pecharase cunha terceira mesa de debate sobre tecnoloxías e innovación aplicadas á prevención de incendios forestais. Nesta conversa participarán José González, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia; Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra; Julia Armesto, docente da Escola de Enxeñaría Forestal e Fernando Aguado e Verónica Santalla, profesores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O debate será moderado por José Manuel González, da Consellería de Medio Ambiente.

Universidade de Vigo, 2022-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES