Notas de prensa

Nace o portal Neofalantes.gal, nexo de unión para as persoas que adoptan o galego malia non ser a súa primeira lingua

A USC e a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, colaborarán nun proxecto dixital que, apoiándose nas tecnoloxías, busca avanzar no estudo do neofalantismo. Esta iniciativa desenvolverase ao longo de tres anos e consta de tres fases coas que se pretende impulsar e valorizar o neofalantismo e as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía.

O grupo Novos Medio da Facultade de Ciencias da Comunicación é o responsable deste novo proxecto. Para iso, nunha primeira fase, deseñou o sitio web Neofalantes, un portal de noticias que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego.

“Este proxecto analizará como está a ser o proceso de incorporación de uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao galego”, explican dende este grupo de investigación da USC. Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás. “Por iso, vai destinada sobre todo a un público novo, sen desbotar que hai neofalantes de todas as idades”, engaden.

O acto de presentación estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; Xosé López, director do Grupo de Novos Medios; e Alba Silva, vicedecana do centro. O reitor puxo o foco no compromiso que a institución compostelá mantén coa promoción do galego e da lusofonía. Ademais, Antonio López destacou que Novos Medios é un grupo que achega dúas décadas de experiencia na investigación sobre as novas ferramentas da comunicación.

Nesta mesma liña pronunciouse o decano do centro ao subliñar que Ciencias da Comunicación constitúe unha Facultade de referencia na docencia en galego e que este tipo de proxectos eríxense nun avance para o idioma. Situar no ecosistema lingüístico os e as neofalantes é a vontade deste proxecto, tal e como explicou o catedrático da USC, Xosé López. Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüística quixo destacar que este tipo de iniciativas contribúen a que as persoas rompan co pudor, os prexuízos e os atrancos sociais á hora de botar man da lingua galega.

Tres fases

O portal conta con varias seccións sobre o mundo neofalante, sobre actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas predilectas da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Twitter.

Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego.

A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, especialmente, no mundo lusófono, a través da lingua galega.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES