Notas de prensa

A USC participa na creación dun método de impresión 3D que utiliza a pantalla dun smartphone para producir medicamentos

Un equipo da USC e da University College of London, xunto coa empresa FabRx, acaban de desenvolver un novo método de impresión 3D que utiliza a luz da pantalla dun smartphone para producir medicamentos. Esta innovadora técnica de impresión poderíase implementar no futuro tanto en hospitais e farmacias, como en lugares remotos ou mesmo no fogar, facilitando a personalización de medicamentos.

A impresora M3DIMAKER LUX utilizada no estudo —desenvolta pola empresa inglesa FabRx, en colaboración coa empresa coruñesa 3DLimitless— pódese usar para imprimir coa maioría dos teléfonos actuais, tanto Android como Apple. Os ensaios e a elaboración das tintas con fármaco para a impresión realizáronse entre ambas as universidades nun estudo colaborativo liderado polo profesor Álvaro Goyanes, cofundador de FabRx e profesor en ambas as dúas institucións. “O uso destas tecnoloxías innovadoras no campo da saúde, abrirá novas oportunidades e tratamentos que agora mesmo son difíciles de albiscar”, explica o investigador da USC.

Resina de impresión personalizada

Para levar a cabo a impresión, o paciente recibiría unha resina de impresión personalizada, co fármaco ou fármacos requiridos nunha solución fotosensible. A solución colocaríase no tanque da impresora, e a aplicación móbil seleccionaría os parámetros para obter o tamaño e forma do medicamento para imprimir de acordo coa prescrición médica. Ao introducir o teléfono no lugar adaptado dentro da impresora, a luz da pantalla do teléfono produciría o medicamento final.

Un dos investigadores e estudante de doutoramento, Alejandro Seijo, sinala que “este sistema podería axudar a pacientes que necesiten doses distintas ás que normalmente se adoitan vender en farmacias, mesmo se as súas doses cambian regularmente” Os imprimidos (medicamentos 3D) son totalmente personalizables en tamaño e forma, o que permite regular a porcentaxe de liberación do fármaco ao torrente sanguíneo. “Outra vantaxe desta tecnoloxía é a posibilidade de imprimir varios fármacos á vez, o que reduciría a cantidade de medicamentos que algúns pacientes, por exemplo, de idade avanzada, adoitan tomar e así reducir a probabilidade de saltarse algunha dose”, engaden dende o equipo investigador.

No estudo, elaboráronse con éxito imprimidos de warfarina, anticoagulante oral, en distintas doses, tamaños e formas. Ademais, para coñecer como o fármaco se libera para ser absorbido ao torrente sanguíneo, realizáronse ensaios destes imprimidos utilizando un modelo de laboratorio que emula as condicións do tracto dixestivo, comprobándose que a liberación do fármaco é gradual durante 24 horas. A liberación pódese modificar en función do tamaño e forma do imprimido, podendo así personalizarse dependendo de como de rápido de requira o efecto do medicamento.

Actualmente a investigación está centrada na seguridade das resinas, para que nun futuro se inicien os ensaios en humanos baixo un marco regulatorio que proporcione un uso seguro desta tecnoloxía. Carlos Rial, informático da compañía FabRx que traballa dende Santiago, afirma que “a impresión 3D de medicamentos está a cambiar agora mesmo a fabricación tradicional de medicinas cara a unha produción máis personalizada”. Esta tecnoloxía abre as portas á unha futura impresión de medicamentos dende a casa.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES