Notas de prensa

Na procura de integrantes para o Cispac, primeiro centro interuniversitario galego de I+D en ciencias sociais e humanas

Creouse o pasado mes de decembro e aspira a converterse no primeiro centro interuniversitario de investigación e transferencia no ámbito das ciencias sociais e humanas con vocación internacional. Falamos do Cispac, o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, unha iniciativa que se presentou na UVigo.

Participaron na presentación dous dos integrantes do seu comité de dirección: o catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto e o profesor da UVigo Xavier Simón, director do Observatorio Eólico de Galicia. Eles foron os encargados de achegarlle ás investigadoras e investigadores interesados en formar parte deste proxecto os detalles concretos dun centro para o que poden solicitar a súa vinculación ata o vindeiro luns.

“Aspiramos a construír equipos transdisciplinarios máis fortes e, con isto, captar moitos recursos nas convocatorias competitivas autonómicas, estatais e europeas”, explicou Simón, ao tempo que fixo fincapé no carácter innovador dun centro que ten como principal obxectivo “contribuír a que a sociedade galega, nos seus ámbitos empresarial, cooperativo, social e ambiental, avance decidida e fortemente pola sustentabilidade, para construírmos unha sociedade resiliente e xusta, con parámetros de inclusión e igualdade, tamén respecto ás xeracións futuras”, recalcou o docente da UVigo, quen resumiu esta explicación nunha única idea: “queremos ser útiles á sociedade da que formamos parte e ese é o noso gran reto”.

“Este é un proxecto que leva seis anos construíndose e no que hai, fundamentalmente, xente do mundo da xeografía, da historia, da economía, da socioloxía, do ámbito da antropoloxía...”, subliñou desde a USC Lourenzo Fernández Prieto, que insistiu en que se trata do primeiro centro deste tipo que se constituíu nos últimos 50 anos en Galicia, “polo que esperamos que teña unha orientación estratéxica moi potente e con moito futuro”, recalcou o investigador, que diferenciou este proxecto de Ecobas, o outro centro interuniversitario de Galicia, “moito máis centrado no ámbito da economía”.

Sede central no edificio Fontán da Cidade da Cultura

Tal e como se explicou na presentación, que foi retransmitida en liña e que se conectaron docentes dos tres campus, o Cispac ten a súa sede no edificio Fontán da Cidade da Cultura e as súas instalacións contan con preto de 2.600 metros cadrados nos que, ademais de espazos comúns, se conta con múltiples laboratorios. A idea é que estas instalacións acollan un gran número de investigadores das tres universidades galegas, pero “ata que finalice a chamada aos investigadores e se pronuncie o comité de expertos sobre a idoneidade das persoas candidatas é difícil estimar o numero final de investigadoras e investigadores que van estar vinculados ao Cispac”, explicou Simón.

No caso concreto da Universidade de Vigo, o secretario comisario de Cispac explica que nos 30 anos de historia desta institución “quedou moi claro” que conta con equipos de investigación e transferencia de primeiro nivel no ámbito das ciencias sociais e humanas, que “teñen desenvolvido proxectos coa perspectiva da sustentabilidade vendo e ollando para os nosos recursos propios, no mar e na terra, nas comunidades locais e nos seus xeitos específicos de gobernar os seus recursos, atendendo ás dinámicas seculares e buscando alternativas, propondo iniciativas innovadoras de mobilización de todos eses recursos...”. A todos eses equipos e as investigadoras e investigadores que os conforman está dirixida a chamada de adscrición para a que se pechará o prazo o próximo luns e “todas eles teñen abertas as portas do Cispac e do edificio Fontán”, recalcou Simón.

Cinco campos de traballo para responder unha gran pregunta: que facer coa terra que temos?

Con esta chamada aberta á comunidade investigadora galega para que se ‘candidate’ a formar parte do Cispac búscase vincular a un número suficiente de investigadores e investigadoras capaces de deseñar e liderar liñas de investigación e transferencia relacionadas coas paisaxes atlánticas culturais para cumprir coas aspiracións estratéxicas de facer do Cispac un centro de referencia acreditado ao máximo nivel. “A gran pregunta que nos facemos é a seguinte: que facer coa terra que temos, e isto hai que velo dentro dun contexto de transición ecolóxica como o actual”, explicou Fernández Prieto.

Preténdese a incorporación de persoal investigador con experiencia científica probada, capaz de impulsar e mellorar as capacidades do centro e dar coherencia aos seus programas. Nesta liña, durante a presentación lembrouse que a axenda científica do centro está artellada en torno a cinco campos de traballo: paisaxes que teñen xente (sociedade, demografía e territorio); paisaxes que producen (mundo rural, alimentación e transición verde); paisaxes que se gobernan (comunidades, participación social e gobernanza); paisaxes que teñen patrimonio (patrimonio, identidade e cultura) e paisaxes visitadas (modelos turísticos e Camiño de Santiago).

O proceso de avaliación de candidaturas será realizado polo Consello Asesor Científico do Cispac, “conformado por sete membros de recoñecido prestixio nestes cinco campos”, explicou Fernandez Prieto, ao que engadiu que esta selección se fará “en función do capital investigador que achegue o candidato/a, ben sexa xa recoñecido ou de futuro”.

Universidade de Vigo, 2022-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES