Notas de prensa

A principal cita internacional sobre tecnoloxía e ensinanza de linguas reúne no Campus Remoto da UVigo 250 participantes

É a principal cita internacional sobre tecnoloxía e ensinanza de linguas e nela reúnense arredor de 250 persoas de países como Xapón, Australia, Brasil ou China. Este mércores arrancou a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo a VI edición do Congreso internacional de lingua, lingüística e tecnoloxía, techLING2021, con cinco idiomas oficiais.

Ao longo de tres días se presentarán máis dun cento de relatorios sobre lingua, lingüística e o impacto que nelas teñen as novas tecnoloxías dixitais, tanto no exercicio profesional da tradución e a interpretación, como na ensinanza de idiomas e no tratamento automático das linguas.

Organizado polos profesores José Yuste, Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e Emmanuel Bourgoin, do Grupo de investigación Tradución & Paratradución da Universidade de Vigo, a inauguración do encontro contou coa participación, ademais do propio equipo organizador, dos reitores das universidades de Vigo e do Minho, Manuel Reigosa e Rui Vieira de Castro, así como do decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero. Os tres aproveitaron este acto para pór o foco na fortaleza das humanidades e reclamar para elas “un futuro brillante”, tal e como recalcou o propio Reigosa. “As humanidades seguen a ter un papel primordial nas universidades”, considerou o reitor vigués, facendo fincapé na idea de que “a universidade é algo máis que unha formación de egresados que poidan ocupar postos tecnoloxicamente elevados, a universidade ten que ser a que forneza á sociedade no seu conxunto de pensamento, de pensamento crítico e, nese senso, as humanidades xogan un papel central”. Nesta liña, o seu homólogo na Universidade do Minho fixo referencia á hipermencionada crise das humanidades e o papel que teñen nun mundo no que prima a economía e a tecnoloxía, “neste contexto cobran importancia encontros como este nos que se interconexionan temáticas como lingüística e tecnoloxía, unha conexión que, a todas luces, é máis que estimulante”.

Innovación e multilingüismo caracterizan o programa

No nome do comité organizador, o profesor José Yuste relatou como a organización deste encontro internacional, con todos os retos que trouxo consigo, lles coincidiu coa preparación da documentación da solicitude que realizaron á Xunta e que os levou a conseguir o pasado mes de agosto a Mención de Excelencia para o seu Máster en Tradución para a Comunicación Internacional, MTCI. “Desde que se creou o noso grupo de investigación no ano 2005 sempre destacou polo seu carácter innovador e as súas maneiras nada convencionais de actuar, de feito, fomos os primeiros en empregar as ‘novas’ tecnoloxías da UVigo para facer unha auténtica transferencia do coñecemento coa creación de tres programas de televisión de web Tv dedicados exclusivamente ao mundo de la tradución”, salientou Yuste. Desde o pasado mes de maio, cando foron convidados a organizar o congreso, centraron os seus esforzos en que saíse como se esperaba dunha cita internacional que acada a súa sexta edición, tras celebrarse en países como Italia ou Portugal. “Puxemos en marcha unha web do congreso única no seu estilo e editada sempre nos cinco idiomas do congreso: español, galego, portugués, francés e inglés”, salientou o docente, quen reivindicou o multilingüismo como o factor máis destacado do programa do evento. “Non hai máis que botarlle unha ollada ás 128 páxinas do libro de resumos para decatarse da boa saúde destas cinco linguas á hora de analizar, de expor, de criticar, de reflexionar e, sobre todo, de dar exemplos prácticos das diferentes aplicacións da tecnoloxía dixital en tradución e interpretación, na ensinanza das linguas e no tratamento automático das mesmas”, reinvindicou Yuste.

A forma de ser “inquieta” deste grupo de investigación fíxolles tamén, como eles mesmos indicaron, ser moi activos nas redes sociais e, segundo indicaron, non houbo día ata hoxe que non publicaran nas contas que crearon en Facebook, Instagram e Twitter específicas para este evento científico.

‘Sentido’ e ‘sensibilidade’, na conferencia inaugural

A conferencia inaugural do congreso correu a cargo do profesor da Universidade de Salamanca Jesús Torres, experto en tecnoloxías de tradución, localización de sitios web e software, quen, mediante unha análise baseada, á vez, na observación e a experimentación de prácticas concretas de aplicación tecnolóxica na tradución (contornas asistidas de tradución, tradución automática, ferramentas de xestión de proxectos e tradución colaborativa…) fixo un repaso crítico da evolución da tecnoloxía da tradución nestas dúas primeiras décadas do século XXI.

Baixo o título Sentido e sensibilidade das tecnoloxías en tradución e a súa formación, Torres formulou a necesidade “dun coñecemento da tecnoloxía ‘íntimo’, por dentro e por fóra, isto é, dun coñecemento a fondo das súas características relevantes, dos seus modos de relación coa linguaxe e a comunicación, así como das formas nas que as tecnoloxías da tradución convidan a adaptar a percepción do comportamento sobre os actos da tradución e, por tanto, a transformar a tradución, os seus profesionais e os seus usuarios”. Desde o seu punto de vista, “buscar o ‘sentido’ da tecnoloxía en tradución –e viceversa- non significa renunciar á súa ‘sensibilidade’, aquelas características que permiten unha implicación ética e emocional con ela, coa súa contorna e co que nos permite (re)construír”.

Especialistas internacionais e máis dun cento de relatorios

Ademais da conferencia inaugural, neste primeiro día do congreso contarase tamén como convidada coa profesora Aurora Ruiz, da Universidad de Córdoba, que impartirá o relatorio El impacto de la (r)evolución digital en el ámbito de la interpretación de lenguas.

Mañá xoves a conferencia plenaria correrá a cargo da profesora francesa Stéphanie Roussel, da Universidade de Burdeos, Francia, e centrarase nas actividades cognitivas do estudante de idiomas con tecnoloxía dixital. A cuarta conferencia plenaria leva por título Nuevas tecnologías, gamificación y aprendizaje basado en videojuegos para el desarrollo de la competencia lingüística en traducción e interpretación e será impartida polos profesores José Ramón Calvo e José Belda da Universitat d’Alcant. O último día, o venres 17, contarase coa participación da profesora Rute Costa, do Centro de Lingüística da Universidade Nova de Lisboa, quen en 2011 recibiu a distinción da Orde das Artes e das Letras outorgada polo Ministerio de Cultura de Francia, presidenta da Asociación Europea de Terminoloxía (EAFT) entre os anos 2000 e 2006. A derradeira conferencia correrá a cargo da catedrática, directora do Departamento de Tratamento Informático Multilingüe (TIM) e decana da Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Xenebra, Pierrette Bouillon.

A estas conferencias internacionais hai que sumar o máis dun cento de relatorios que se van presentar ao longo deste tres días realizadas polas persoas inscritas no congreso, maioritariamente persoal docente e investigador de universidades, mais tamén mozas e mozos que están en fase de predoutoramento e que se animaron a presentar neste evento o avance das súas investigacións. Entre outras cuestións abordaranse temáticas como a integración das TIC nas clases de linguas estranxeiras, a fenda dixital e o seu impacto na implementación das TIC na ensinanza de segundas linguas; novas tecnoloxías e modelos didácticos adaptados á formación universitaria en tradución e interpretación, recursos lingüísticos en internet, lingüística computacional ou atlas lingüísticos informatizados.

Universidade de Vigo, 2021-12-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES