Notas de prensa

BFAero licencia dez novos proxectos de emprendemento innovador no ámbito aeroespacial

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou en Lugo que a Business Factory Aero (BFAero) é unha peza fundamental no marco da nova estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025 para seguir sumando talento e consolidando tecido empresarial. Os 19 proxectos que pasaron por esta aceleradora mobilizaron arredor de 5 millóns de euros, supuxeron 62 postos de traballo e a construción de oito novas empresas.

Argerey realizou estas declaracións durante o acto de peche da segunda e terceira edición do programa, celebrado esta mañá na cidade luguesa na sede da Fundación CEL. A xornada incluíu unha mesa redonda de intercambio de experiencias cos dez proxectos licenciados, a entrega de diplomas e unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).

Ademais, a directora de Gain anunciou que no novo período do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025 contémplase darlle continuidade á BFAero a través de novas convocatorias, impulsando así a creación e desenvolvemento de novas empresas de base tecnolóxica no sector dos vehículos non tripulados. Así, prevese a incubación e aceleración dun mínimo de 24 proxectos empresariais.

Os proxectos que pecharon hoxe o seu paso pola BFAero foron, por unha banda, tres que remataron a incubación iniciada en 2020 no marco da segunda edición, concretamente:

• ALIVETOR, spin off de Gradiant (Vigo) que está a desenvolver unha carga de pago radar para drons de peso reducido, capaz de penetrar a materiais como o ladrillo ou o cemento. Así, permitirá a busca de vítimas sepultadas baixo cascallos en escenarios como terremotos.

• Contact-drone, spin off da Universidade de Vigo cuxo proxecto se centra no desenvolvemento de cargas de pago para vehículos non tripulados (UAV) que permitan establecer un contacto estable entre o vehículo aéreo e unha estrutura vertical. Esta carga de pago permitirá realizar tarefas de inspección non destrutiva baseada, por exemplo, en ultrasóns.

• FREEdron, spin out de dúas empresas galegas: Cartogalicia (Santiago de Compostela) e Enxeñería Insitu (Lugo). Traballa nun dispositivo de captura de datos xeorreferenciados, de carácter multisensor e capacidade para ser embarcado en multiplataforma, como solución hardware-software modular e completa que permita un control de captura de datos e integración/procesado básico.

Por outra banda, licenciáronse os sete proxectos da terceira edición, dos que tres estaban en incubación:

• PHARMADRON (Teruel) propón a entrega de medicinas por UAV. Servizo de entrega completamente autónomo (sen intervención do receptor) de gran precisión (20centímetros de erro) de medicamentos a comercios locais (como farmacias por exemplo) en áreas pouco poboadas para evitar contactos entre persoas, en prevención da covid-19.

• SOLARBOTIX (Madrid) traballa na fabricación de conxuntos solares encapsulados (placas fotovoltaicas) mediante tecnoloxías de fabricación de compostos para que poidan moldearse en superficies non planas (por exemplo, as ás dos avións).

• DRONESUITE, spin off do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) (A Coruña) que está a desenvolver unha plataforma cloud con ferramentas e utilidades SW destinadas a facilitar a xestión, operación e administración da actividade habitual dunha operadora de RPAS, que permite automatizar as tarefas de procesado e xerar resultados de forma eficaz.

E catro en aceleración:

• CIES SOLAR (Vigo) ofrece o deseño e produción dun UAV de baixo peso (de apenas 3,8 kg), cunha grande autonomía de ata 10 horas, grazas á súa aerodinámica e aos paneis solares cos que conta, utilizado para a realización de inspeccións fotogramétricas de grandes superficies (10.000 Hectáreas/día).

• SAQQARAH (Vigo) traballa na integración de tecnoloxía de visión artificial e intelixencia artificial en UAV de dimensións reducidas e alta precisión de voo con cámara embarcada para inspección de procesos industriais e verteduras ambientais.

• PRIMECOR (Alacante) dispón dun sistema de control de voo para UAV fiable, seguro e certificable. A súa aplicación é o control autónomo de calquera tipo de UAV para calquera tipo de misión: xestión de tráfico, seguridade e defensa, air taxis…

• ATOM (Madrid) conta cunha ferramenta integral para a integración de drons en operación e mantemento de instalacións industriais (por exemplo, plantas solares fotovoltaicas). Crea unha contorna de traballo que facilita o uso de drons, planifica operacións, xestiona e procesa datos para análises complexas.
Servizos da aceleradora

A Business Factory Aero ofreceulle aos proxectos incubados e acelerados titorizacións personalizadas con expertos do sector, asesoramento tecnolóxico, acceso ás instalacións e equipamentos do Polo Aeroespacial de Galicia e a potenciais clientes, ademais de espazos propios para realizar coworking e recibir formación.

Os proxectos que participaron no programa recibiron ademais apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, teñen acceso a unha axuda de ata 100.000 euros na fase de incubación e de ata 50.000 na de aceleración da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia. Ademais, na fase de aceleración teñen acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros da Xunta a través de XesGalicia.

Neste programa participan, ademais da Axencia Galega de Innovación, do Igape e de XesGalicia por parte da Xunta de Galicia, colaboradores de relevancia como empresas tractoras líderes de mercado no sector como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), pequenas e medianas empresas galegas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, representadas polo Consorcio Aeronáutico de Galicia, e xeradores de coñecemento como as tres universidades galegas.

BFAero, 2021-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.

Notas

A sexta edición de Ultrafast Science and Technology Spain 2026 botou a andar este mércores 18 na USC. O foro que se estende ata o venres 20 reúne persoal investigador e empresas cuxas áreas de desenvolvemento, innovación e investigación atópanse vinculadas ao ámbito dos láseres ultrarrápidos e ás súas aplicacións na Física, a Química, a Medicina ou a Ciencia dos Materiais.
Conformado por seis estudantes de Belas Artes e unha alumna de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu neste curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva 'Dentro dun espazo maior'. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio 'recanto' dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES