Notas de prensa

O achado de novos restos de dinosauros en Italia permite a un equipo internacional liderado pola UVigo reescribir a xeografía do Mediterráneo hai 80 millóns de anos

O que hoxe coñecemos como mar Mediterráneo era, hai entre 230 a 66 millóns de anos, durante a era dos dinosauros, un complexo arquipélago tropical composto por centos de illas. A comunidade científica consideraba que a maioría desas illas eran tan pequenas que sería complicado que puidesen albergar poboacións de grandes saurios.

Pero un novo estudo dun equipo internacional, liderado polo investigador do grupo Mapas Lab, que forma parte do CIM-UVigo, Alfio Alessandro Chiarenza, achega novas evidencias que poderían demostrar que non era así.

Este grupo, do que forman parte tamén investigadores do Field Museum of Natural History de Chicago e das universidades de Trieste, Boloña e Toronto, publica hoxe xoves un artigo na revista Scientific Reports con novos datos sobre o primeiro xacemento en Italia que alberga múltiples esqueletos de dinosauros. Atópase no norte do país, na beira do Adriático, en concreto en Villaggio del Pescatore, no municipio de Duino-Aurisina. Todos os esqueletos de dinosauro atopados están preservados de forma excepcional e pertencen a Tethyshadros insularis, unha especie de hadrosaurio ou dinosauro de pico de pato. “Son os restos de dinosauro máis grandes e completos escavados en Italia”, como explica Chiarenza, que engade que no xacemento tamén se atoparon peixes, crocodilos e pterosaurios.

Estes descubrimentos en Villaggio del Pescatore permitiron a este equipo internacional reescribir algunhas hipóteses sobre como eran os ecosistemas terrestres naquelas illas do arquipélago mediterráneo. Os científicos explican que ata agora críase que as poboacións de grandes animais que habitan illas durante un longo período de tempo tenden a diminuír o seu tamaño, un cambio propiciado, seguramente, pola ausencia de predadores e a maior escaseza de recursos, explican. De feito, anos atrás no xacemento de Villaggio del Pescatore atopouse un espécime moi pequeno de Tethyshadros, bautizado como Antonio, que levou aos investigadores a interpretalo como un caso de ananismo insular. Non obstante, os novos espécimes atopados, por exemplo un bautizado como Bruno, de tamaño moito máis grande, “confirman que Antonio era en realidade un individuo inmaduro e que estes hadrosaurios non sufriron un proceso de miniaturización como se pensaba antes”, explica Matteo Fabbri, coautor do artigo.

Unha reconstrución do Mediterráneo diferente

Ademais do achado de exemplares de maior tamaño, este equipo multidisciplinar tamén puido datar o xacemento con maior precisión. “Cuns 80 millóns de anos, esta nova idade abre a porta a que o ecosistema preservado en Villaggio del Pescatore pertencera a unha península conectada con outras partes de Europa e Asia”, sinala Juan López Cantalapiedra, investigador da Universidad de Alcalá e coautor do artigo. E é que tanto a evidencia xeolóxica como paleontolóxica debuxa unha reconstrución do Mediterráneo diferente á que se tiña. Tanto é así, que Chiarenza lembra que cando era neno lle explicaron que no seu país non podía haber restos de dinosauros dado que, naquela época, estas zonas estaban somerxidas na súa maioría e as únicas terras emerxidas eran principalmente pequenas illas afastadas dos principais continentes e non aptas para o sustento de animais grandes. “Agora, con este estudo, demostramos que non só se atoparon manadas enteiras destes animais, senón tamén que a área na que se atoparon, no que agora é o nordeste de Italia, era unha terra fronte a un vasto océano pero conectada con Europa occidental e Asia”. Isto significa que esta rexión non só estaba salpicada de illas, “senón que as linguas de terra emerxida conformaban certas rutas migratorias que permitiron a grandes animais terrestres, como os dinosauros, chegar ao que hoxe é Italia”, remarca o coautor Federico Fanti. Polo tanto, os restos atopados en Italia e os resultados obtidos nesta investigación terán un papel moi relevante na reinterpretación de aquel antigo arquipélago e as súas faunas e na “avaliación de hipóteses científicas interesantes sobre estes animais e os seus ecosistemas”, engade Chiarenza.

Futuro investigador Juan de la Cierva

Alfio Alessandro Chiarenza uniuse ao grupo Mapas Lab, liderado pola investigadora Starting Grant Sara Valera no mes de marzo de 2021 cun contrato de posdoutoramento ERC. En febreiro tomará posesión dunha bolsa Juan de la Cierva Incorporación, un logro polo que se amosa moi satisfeito, dada a alta esixencia da convocatoria. “Isto será moi importante para min e permitirame seguir traballando no grupo liderado por Sara Valera, pero tamén contribuirá a facer crecer o laboratorio e expandir a nosa investigación sobre novas preguntas arredor de vidas pasadas e a evolución do noso planeta”.

Universidade de Vigo, 2021-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.

Notas

O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible da USC acollerá o vindeiro venres o encontro anual da Rede Artigo9Tech, unha iniciativa que promove a aplicación do coñecemento científico e tecnolóxico ao ben común e á cooperación para o desenvolvemento, e que reúne profesionais da USC, a UDC e a UVigo,e a diversas entidades sociais, como Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia.
O proxecto europeo Marinnonet, liderado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo no marco do programa Interreg Atlantic Area, chega ao seu fin tras tres anos de traballo con resultados que contribúen a fortalecer o sector da biotecnoloxía azul no espazo atlántico. Os socios participaron na xuntanza final e, entre os principais logros, destacaron a creación dunha rede transnacional de cooperación científica e empresarial.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES